O Banco de Reciclaxe Electrónica do Campus de Ferrol recuperou 15 computadores desde a súa creación no mes de outubro

venres, 1 de agosto do 2025 S. P.

O Banco de Reciclaxe Electrónica do Campus Industrial de Ferrol fixo balance da súa actividade ao longo dos seus 10 meses de traxectoria (foi creado o pasado mes de outubro). Desde a súa posta en marcha o servizo (situado na aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol), arranxou, acondicionou e entregou un total de 15 equipos informáticos ás persoas usuarias da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER) e da Fundación Amigó de Lugo, así como a alumnado da Universidade da Coruña (UDC) con baixos recursos.
Ademais, ao longo destes meses tamén lle deron unha segunda vida a fontes de alimentación, monitores, televisións, radios ou mesmo a algún que outro secador de pelo, mando a distancia ou tocadiscos. Todo isto, no marco dunha iniciativa que promove a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña (UDC) xunto co Programa Green Campus Ferrol e en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF).
Con todo, a maior parte do traballo realizado polas persoas que colaboran neste Banco de Reciclaxe Electrónica con Sotfware Libre centrouse no reacondicionamento de equipos informáticos procedentes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), dos contedores de reciclaxe situados en distintos puntos do campus, así como doutro material cedido por particulares. Entre as principais funcións a realizar figura mudar determinados compoñentes, principalmente discos duros, e instalar un sistema operativo libre e programas de código aberto.
O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol é o segundo espazo destas características que ten a Universidade da Coruña (UDC). De feito, o primeiro creouse a finais do ano 2020 e está situado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, no Campus da Coruña.
Ademais, en Galicia temos en funcionamento outros tres espazos similares: o Banco de Reciclaxe Municipal de Teo, o Banco de Reciclaxe da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo), xestionado en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras, e o Banco de Reciclaxe Municipal e Oficina de Software Libre de Ames, este último nado en 2022 grazas ao apoio da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e ao Banco de Teo.
Tal e como indican desde a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF), a través desta iniciativa, os chamados Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, pretenden promover o uso do software libre e a soberanía dixital, a reutilización de equipos electrónicos para aumentar a súa vida útil, a diminución dos residuos e a extracción de materiais, a promoción da electrónica ética así como a redución da fenda dixital.