O Banco de eReciclaxe de Ames organiza un obradoiro para poñermos a punto o noso computador

mércores, 14 de setembro do 2022 S. P.

A Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre de Ames, xunto co seu Banco de Reciclaxe Electrónica, pon en marcha un novo obradoiro para a posta a punto e instalación dos nosos computadores usados.
Esta actividade realizarase o sábado 17 de setembro en horario de mañá de 11:00 a 13:30 h. Está dirixida a persoas que queiran aprender a habilitar un sistema operativo libre, navegador, suite ofimática, reprodutor de audio e vídeo, programa de edición de imaxes dixitais, etc. As persoas que queiran participar poden confirmar a súa asistencia premendo nesta ligazón.
Un servizo recentemente creado
A Oficina e o Banco de Reciclaxe, recentemente postos en marcha, forman parte dun proxecto impulsado polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). Entre os seus obxectivos figuran minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo. Este proxecto botou a andar no pasado mes de maio. O primeiro obradoiro realizouse en xullo para o arranxo e reciclaxe de altofalantes. Agora, comezan os obradoiros do segundo semestre deste ano cun taller de posta a punto, reciclaxe e instalación dos nosos computadores.
Esta actividade realizarase este sábado, 17 de setembro, en horario de mañá de 11:00 a 13:30 horas, na oficina situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

PUBLICIDADE