O Biopolo da Sionlla e a Maker Faire Galicia converteron Santiago en capital das tecnoloxías participativas

venres, 13 de decembro do 2024 S. P.

O Biopolo da Sionlla (Santiago) acolleu este venres 13 de decembro a Xornada da Industria da Maker Faire Galicia, a terceira e última sesión desta décima edición da feira. Na inauguración participou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, que enxalzou os beneficios sociais, tecnolóxicos, industriais, educativos e científicos do “espírito maker”, que, segundo dixo, “ten a cooperación como un dos seus principios básicos, para avanzar na diversificación económica de Santiago”.
Maker Faire
A tenenta de alcaldesa lembrou que o Biopolo da Sionlla, o espazo onde se celebrou a Xornada da Industria da Maker Faire, “é o resultado da colaboración iniciada hai máis dunha década entre as diferentes administracións co empeño, sobre todo, da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre”. María Rozas avogou por dar continuidade a esta cooperación “no reto compartido de incrementar o peso da industria no PIB de Santiago, que cun 7% está aínda moi por debaixo doutras cidades galegas”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude reiterou que “potencial e talento temos para seguir avanzando nesa dirección, tal e como demostran os relatorios da xornada de hoxe”, sinalou,
Na inauguración da Xornada da Industria da Maker Faire Galicia participaron tamén José Fernández Alborés, presidente do consello de administración de Sionlla Biotech; Covadonga Toca, directora Xeral do IGAPE; e Marcos Saavedra, cofundador da Maker Faire Galicia.
Na xornada participaron importantes relatores como Eduardo Fernández, director do Instituto de Bioenxeñería da Universidade Miguel Hernández; Yaiza Rubio, Chief Metaverso Officer en Telefónica; a compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN; e Adrián Mosquera Orgueira, hematólogo e investigador no Hospital Universitario de Santiago de Compostela e no IDIS. Ademais das ponencias, haberá presentacións curtas de startups e profesionais galegas do ámbito biotech.