O Bitcoin supera os 100.000 dólares

xoves, 5 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Gráfico elaborado por Bloomberg coa evolución da cotización do Bitcoin

O mercado das criptomoedas foi sempre moi inestable e inseguro, con regulacións pouco claras e numerosos calotes, o que non impediu que a especulación con Bitcoin non cesase nos últimos anos e, aínda que cando entrou en bancarrota o intercambiador FTX parecía que a confianza na moeda virtual non podería recuperarse (caeu por debaixo do 16 mil dólares), leva bastantes meses medrando a un ritmo moi elevado, até o punto de facer historia ao superar a simbólica barreira dos 100.000 dólares.
Aínda que son moitas as causas do crecemento de Bitcoin, o feito de que Donald J. Trump vaia recuperar a presidencia dos EE.UU. estaría a xogar un papel clave, xa que confíase en que vaia contribuír á relaxación das regulacións sobre as criptodivisas, pois xa prevé a substitución do director da SEC, entidade que leva un par de anos pondo cerco aos activos dixitais ante a proliferación de calotes asociados aos mesmos.
Cómpre lembrar que Bitcoin segue a ser unha moeda ficticia, sen un uso real máis aló da especulación, en contraste con outras criptomoedas deseñadas para ser máis sustentables a nivel de computación e consumo. Estamos ante un mercado moi polémico, ante o que hai estados que se opoñen frontalmente, chegando a prohibir tanto o minado de criptomoedas como a operación coas mesmas, de aí que sexa preciso extremar as precaucións ante un sector no que hai que coñecer moi ben os seus riscos antes de introducirse no mesmo.