O BlackBerry Messenger para consumidores anuncia o seu peche

luns, 22 de abril do 2019 Marcus Fernández

Os servizos de mensaxería instantánea teñen complicado sobrevivir tras a emerxencia de competidores de escala global que practicamente teñen monopolizada a comunicación interpersoal, e como nova baixa desta guerra temos agora ao que podería considerase a plataforma pioneira de referencia en contornos móbiles, o BlackBerry Messenger (BBM), que tras máis de 13 anos de vida deixará de funcionar para consumidores o vindeiro 31 de maio.
Esta aplicación de mensaxería foi un os piares do éxito de BlackBerry no seu día, conseguindo incluso pórse de moda entre a mocidade nalgúns mercados, pero sóubose adaptar lentamente á evolución do sector, e tardou demasiados anos en abrirse a móbiles doutros fabricantes, o que foi un fallo catastrófico nun tipo de ferramenta que como factor crítico ten o chegar ao meirande número de persoas para evitar que os seus usuarios teñan que migrar a outras ferramentas para comunicarse.
Con BBM é posible enviar mensaxes de texto, establecer conversas en grupo, remitir imaxes e notas de voz, enviar ficheiros, compartir a posición en tempo real, publicar adhesivos, empregar emoticonas e incluso realizar chamadas, ou sexa, que segundo foi evolucionando conseguiu pórse á altura dos seus competidores en prestacións, pero non conseguiu manter a súa posición globalmente e o único país no que conseguiu reter o éxito foi Indonesia, onde en 2016 tiña unha cota de mercado do 87,5% en Android, de aí que a ferramenta fose mercada pola compañía local Emtek Group. Estimábase que BBM partía en Indonesia dunha base duns 63 millóns de usuarios activos, e o servizo contaba con numerosas ferramentas de monetización, pero semella que esta actividade non medrou dabondo para soportar o pagamento da licenza polo servizo de BlackBerry (compañía que continúa a controlar o servizo de mensaxería para empresas).
Dende BlackBerry decidiron responder ao peche da versión de consumo de BBM ofrecendo de balde 12 meses de BBM Enterprise (BBMe), tras o que os usuarios deberían pagar 2,49 dólares cada 6 meses, aínda que resulta bastante improbable que os usuarios dean ese paso, por existir numerosas ferramentas de comunicación de balde cunha base de usuarios máis ampla.

PUBLICIDADE