O Bono Cultural do Goberno para a xuventude vén con 100€ para produtos dixitais
luns, 21 de xullo do 2025
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou esta mañá na librería Cantón 4 de Ferrol a nova edición do Bono Cultural 2025 para a xuventude (Bono Cultural Joven), unha iniciativa do Executivo central que “busca garantir o acceso á cultura da mocidade, á vez que impulsa o sector cultural e o comercio de proximidade”, sinalou, engadindo que este ano poden acollerse ao programa preto de 10.000 mozos e mozos da provincia da Coruña, nacidos en 2007, que dispoñerán de 400 euros para gastar en diferentes bens e actividades culturais, como cinema, teatro, música, libros, videoxogos ou contidos dixitais, entre outros.
O investimento para o acceso á cultura dos mozos e mozas da provincia coruñesa alcanza nesta edición os 4 millóns de euros. En toda España poderán beneficiarse 534.526 mozos e mozas. Na cidade de Ferrol serán 630 as persoas que poderán gozar desta axuda, cun investimento de 252.000 euros.
O programa, dende a súa posta en marcha en 2022, beneficiou a 277.607 persoas ese ano; 319.237 en 2023 e 334.435 en 2024.
Na provincia da Coruña, máis de 100 establecementos e entidades culturais están adheridos ao programa, desde librerías e tendas de discos ata salas de teatro, cinemas, plataformas dixitais ou festivais. A súa participación permite non só facilitar o uso do bono, senón tamén impulsar a actividade do comercio cultural de proximidade, un dos sectores crave para o desenvolvemento das cidades. En toda España, son un total de 3.700 os establecementos adheridos.
A solicitude debe realizarse a través da páxina oficial do Bono ata o 31 de outubro de 2025. Para facelo, é necesario dispoñer dun medio de identificación dixital: o DNI electrónico con lector ou a clave Cl@ve PIN.
Unha vez concedido, o bono poderá empregarse durante 12 meses, repartindo os 400 euros nas seguintes categorías:
• 200€ para artes escénicas: teatro, ópera, cinema, danza, museos...
• 100€ para produtos culturais en soporte físico: libros, prensa ou discos
• 100€ para produtos dixitais: subscricións a plataformas, prensa dixital, podcast ou videoxogos en liña.
Toda a información sobre o bono e a forma de solicitalo pode verse na páxina web. Os negocios culturais que queiran adherirse poden facelo tamén a través do mesmo portal web, en calquera momento do ano.
