O Bono Peixe acumulou máis de 52.000 bonos descargados nas primeiras 24 horas

martes, 29 de xullo do 2025 S. P.

O Bono Peixe acadou as súas primeiras 24 horas de vida tras o seu lanzamento na mañá deste luns 28, cando foron habilitadas as descargas por parte dos consumidores. O balance provisional ata agora son máis de 700 establecementos de venta de peixe fresco adheridos en toda a comunidade e máis de 52.000 bonos descargados. Estas foron as cifras que expuxo a conselleira do Mar, Marta Villaverde, na visita a unha das 272 peixerías adheridas, só na provincia de Pontevedra. Así, indicou que é un número que continúa medrando xa que os comercios poden sumarse a esta iniciativa ao longo de toda a vixencia deste programa de incentivo ao consumo de produtos pesqueiros frescos.
Os bonos teñen formato dixital e deben ser descargados polos usuarios previamente na web bonopeixe.gal. Desde este momento, e a través dun código QR, estarán dispoñibles para o seu uso nunha aplicación específica que permita realizar os pagamentos. No momento da compra, os usuarios deberán ir acompañados do seu DNI ou indicar o seu número de teléfono móbil para certificar que son beneficiarios desta iniciativa deseñada polo Goberno galego, destinada a “incentivar o consumo e de apoiar a actividade dos operadores comerciais minoristas, pero que son determinantes para garantir a seguridade alimentaria aos consumidores”.
Villaverde lembrou que os usuarios poderán empregar 5 euros semanais (cun 25% desconto por compra, ata ese límite), coa posibilidade de acumular o saldo non gastado ata un máximo de 25 euros, e que poderá usarse en sucesivas semanas (máximo dez) ou ata que se esgote o crédito.