O Bono Talento Empresas leva as microformacións tecnolóxicas a 1.000 persoas traballadoras
mércores, 5 de marzo do 2025
A Xunta anunciou este mércores 5 de marzo que máis dun milleiro de persoas traballadoras de preto dun centenar de empresas poderán tirar proveito de microformacións de transformación e competitividade, ao abeiro da nova convocatoria do Bono Talento Empresa para realizar formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresas. A nova edición do programa está dotada con 2 millóns de euros.
As principais destinatarias destas axudas, co-financiadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, son as microempresas e pequenas empresas (modelo maioritario no tecido empresarial galego) e a elas tamén poden acceder persoas autónomas que teñan contratado a persoal por conta allea e medianas e grandes empresas, estas últimas incluídas como novidade na convocatoria de 2024. O importe subvencionábel depende do tamaño da firma, ata un máximo de 25.000 euros.
Con estes apoios finánciase unha formación non formal de curta duración destinada a actualizar e mellorar os coñecementos e competencias dos cadros de persoal das empresas nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes, para facelos máis competitivos nun contexto de rápidos cambios tecnolóxicos e organizativos.
A Xunta lembra que na convocatoria do ano pasado financiáronse 180 accións formativas e predominaron as do ámbito da xestión empresarial (76), seguido polo de servizos aos clientes (50) e logo as competencias dixitais (31). Na de 2023, apoiáronse 96 cursos e destacaron os relacionados coas competencias dixitais (37), seguido polos de xestión empresarial (21) e servizos aos clientes (19).
O Goberno galego engade que estes modelos de experiencias curtas de aprendizaxe “contribúen a atender as necesidades específicas das empresas galegas e a reforzar as competencias e habilidades dos traballadores”, e, ao mesmo tempo, promoven a mellora da empregabilidade das persoas beneficiarias e o seu talento, así como a competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, estes proxectos formativos (compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas) poden ser adaptados a nivel de contidos, programas ou persoal docente das propias accións ás necesidades específicas de cada solicitante. Deste xeito, engade a Xunta, “búscase que as empresas dean resposta áxil e flexíbel a unha contorna laboral cambiante ante, por exemplo, a transición dixital e verde, ademais das novidades tecnolóxicas, de servizos ou organizativas”.
Neste marco, o impulso dos Bonos Talento Empresa compleméntase coa liña de formación regrada a demanda das empresas tamén dirixida a traballadores (4 millóns de euros), e combínase cos convenios suscritos actualmente con nove clústeres galegos para a impartición de accións formativas deseñadas polas propias entidades ou as convocatorias abertas ata o 30 de setembro para apoiar as unidades formativas en empresas (8 millóns de euros e destinada a persoas desempregadas).