O CCG achega un percorrido virtual pola obra do arquitecto Domingo de Andrade

mércores, 1 de abril do 2020 Redacción

Na súa liña (que xa vén de antigo pero que se reforzou de maneira intensa coa chegada do Estado de Alarma polo COVID-19) de empregar as contornas tecnolóxicas para levarnos da man a feitos e protagonistas salientábeis da nosa historia, o Consello da Cultura Galega presentou este 1 de abril, coincidindo co Día as Artes Galegas, un percorrido virtual pola obra de Domingo de Andrade, homenaxeado nesta celebración impulsada pola Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. A proposta online do CCG diríxese a contrarrestar o adiamento dos actos presenciais convocados para enxalzar a figura do devandito arquitecto, propondo un itinerario pola súa obra e a súa vida que compense a situación.
Trátase dun traxecto virtual por algunhas das obras clave da súa arquitectura seleccionadas e comentadas por Alfredo Vigo Trasancos, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da dita institución e profesor da Universidade de Santiago. Na proposta, Vigo Trasancos achega un roteiro virtual sobre Santiago de Compostela para descubrir in situ cinco obras destacadas do arquitecto. As pezas van desde a Torre do Reloxo, a primeira obra como arquitecto da catedral e todo un fito do xacobeo, ata o Pórtico Real da Quintana. Polo medio, a Cuncha de Praterías, a tripla escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval ou a capela do Pilar.
Para contextualizar a importancia de Domingo de Andrade, o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal pon en Rede unha serie de reportaxes sobre o barroco ademais dalgún aspecto curioso desta figura, como é a unha receita para fabricar bombas que figura nunha carta que Andrade lle envía ao XI Conde de Lemos.

PUBLICIDADE