O CCG achega unha ferramenta para explorar a escrita galega entre 1797 e 1846
venres, 12 de decembro do 2025
Papés d’emprenta condenada, termos usados por Manuel Freire Castrillón, en 1813, para cualificar Os rogos d’un gallego, a célebre denuncia da Inquisición escrita por Manuel Pardo de Andrade, é o título do proxecto web que presentaron na sede da institución a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o editor dos textos, Ramón Mariño; o coordinador da unidade de divulgación e contidos dixitais do CCG, Manuel Gago. A iniciativa recupera, edita e analiza un centenar de textos galegos producidos entre 1797 e 1846.
A presidenta Rosario Álvarez destacou o carácter colectivo desta iniciativa que foi editada en tres volumes, e que cobra agora unha nova vida “grazas á transformación nun arquivo dixital que tamén pode seguir medrando se aparecen novas pezas e documentación”.
Pola súa banda, Ramón Mariño incidiu en que “foi posible grazas ao traballo previos de figuras como Antonio de La Iglesia e Eugenio Regueira no século XIX e Xose María Álvarez Blázquez no século XX”.
Ademais, explicou que “a nova aplicación permite ver as preocupacións da Galicia da época como o enorme peso do universo eclesiástico neste período”.
A relación entre a Igrexa e o Estado, a Inquisición ou a Constitución son temas que se repiten en moitos dos momentos dispoñibilizados.
Pola súa banda, o profesor da USC e responsable de comunicación dixital do CCG, Manuel Gago, destacou que “é o primeiro dunha serie de proxectos da institución que sairán nos vindeiros meses e que nos permiten una ofrecer unha nova aproximación aos documentos”. Os sistemas de recuperación e de busca dentro dos documentos aplicados permiten “converter un libro nunha aplicación” destacou.
O proxecto
A iniciativa arrincou en 2000 coa intención de investigar o chamado Prerrexurdimento, unha etapa situada entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento que, lonxe de ser un período baleiro, revelou unha intensa actividade escrita en galego. Os obxectivos do proxecto foron tanto filolóxicos como históricos: fixar e editar un corpus disperso de textos galegos, analizar a lingua nun momento de transición e variación dialectal, documentar o papel do galego na vida política, social e xornalística da época e poñer en valor a contribución destes textos á emerxencia da opinión pública moderna.
O desenvolvemento de Papés d’emprenta condenada artellouse arredor de catro fitos principais. O primeiro chegou en 2008 coa publicación do Volume I. A escrita galega entre 1797 e 1846, que estableceu as bases do corpus coñecido e ampliouno mediante unha intensa investigación en arquivos. Entre 2009 e 2012 produciuse a consolidación científica do proxecto coa celebración en Santiago de Compostela do simposio Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, organizado polo CCG e o Instituto da Lingua Galega. Deste traballo xurdiu o Volume II (2012), centrado no estudo lingüístico, literario e histórico do período. En 2024 publicouse o Volume III. Novos textos, reflexións finais, que incorporou documentos inéditos e completou a síntese histórica e filolóxica. Finalmente, en 2025, o proxecto deu un salto decisivo coa posta a disposición pública en formato dixital dos textos, tanto orixinais como editados, acompañados de ferramentas de análise e visualización.
A traxectoria de Papés d’emprenta condenada é tamén a dun intenso traballo colectivo, explicaron, engadindo que a iniciativa foi impulsada inicialmente por Xosé López, coordinador da Sección de Comunicación do CCG, en colaboración con Henrique Monteagudo e cunha comisión científica especializada.
Na primeira etapa xogaron un papel fundamental o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, encargado das notas histórico-biográficas que contextualizaron os textos; Ramón Mariño Paz, responsable da edición textual; e Rosa Aneiros Díaz, coordinadora editorial e responsable dunha exhaustiva pescuda arquivística que permitiu localizar textos coñecidos e descubrir outros ata entón ignorados. Desde 2012, Mariño Paz asumiu a dirección do proxecto, ao que se incorporou tamén o investigador Damián Suárez Vázquez, cuxo traballo resultou crucial para o rescate e estudo de novas pezas da tradición escrita galega premoderna.
Papés d’emprenta condenada ofrece unha contribución esencial para a cultura galega ao documentar como o galego participou activamente na construción da nova orde política e social que xurdiu tras a crise do Antigo Réxime, a Guerra da Independencia e o Trienio Liberal. Ademais, permite entender os primeiros pasos da comunicación de masas en Galicia e constitúe un alicerce fundamental para comprender a prehistoria do xornalismo e da literatura galega contemporánea, así como os inicios do proceso de estandarización do galego escrito moderno.
