O CCG achégase á memoria colectiva galega cun novo proxecto web
mércores, 11 de xuño do 2025
O Consello da Cultura Galega estrea un novo proxecto web, Lugares de memoria, que reivindica a memoria colectiva da nosa terra. O novo sitio ábrese poñendo o foco en seis contornas clave da nosa historia compartida e común: as minas do volframio, os Mártires de Carral, a Federación de Sociedades Galegas, o Dolmen de Dombate, o Castro de Santa Tegra e a Porta de Carlos V.
O portal estará conformado por 75 entradas que poñerán o acento nas interpretacións, permanencias e legado na memoria colectiva do país. “Pretende ser unha viaxe polo noso patrimonio e pola nosa historia” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración da xornada Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza coa que se abriu publicamente este proxecto. Xunto con ela, Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e coordinador do proxecto, destacou que este catálogo virtual “irá incorporando novas entradas progresivamente”.
Entidades tanxibles e intanxibles
Lugares de memoria é un espazo web que contará con 75 entradas que seguen a definición canónica do historiador francés recentemente falecido Pierre Nora, que aseguraba que os lugares de memoria son entidades tanxibles e intanxibles (desde espazos físicos, conceptos, prácticas ou obxectos) que “se converten co paso do tempo nun elemento simbólico para ese colectivo ou comunidade determinada”. Segundo explicou Núñez Seixas, “hai lugares de memoria en Suiza, Italia, Francia e tamén en Cataluña e nós entendemos que tamén podería haber un catálogo para o caso galego”.
O elenco de entradas comeza co Dolmen de Dombate e remata coas folgas de Ferrol en 1972, e polo medio hai entradas que abranguen lugares físicos como o Gran Sol, o Parque do Pasatempo. Hai proxectos editoriais e xornalísticos como O Tío Marcos d’a Portela ou a Editorial Galaxia xunto con figuras, mitos, termos ou eventos destacados. No caso de figuras emblemáticas non se abordará a súa biografía, senón o seu pouso poliédrico da memoria posterior, dende o mestre Mateo a Castelao.
Para a creación deste proxecto elaborouse unha comisión técnica temporal coordinada por Xosé M. Núñez Seixas e integrada por Ramón Villares, Xurxo Ayán, Ana Cabana e Emilio Ínsua.
No marco da xornada celebrada esta mañá no CCG presentáronse as primeiras entradas. A memoria do volframio en Galicia, preparada por Ana Cabana destaca a singular proxección simbólica e histórica que superou a lembranza local doutros minerais debido á súa vinculación coa Segunda Guerra Mundial e ao seu papel na economía e sociedade galegas da posguerra.
Pola súa banda, Ramón Villares abordou os Mártires de Carral, e Xurxo Ayán abordou a significación do Dolmen de Dombate, no que se chantou os alicerces do mito celtista como referente identitario do pobo galego. A maiores, a Porta de Carlos V ou do Castelo da Ponte de Viveiro foi explicada por Emilio Insua.
