O CCG amosa nun informe a desigual penetración do coñecemento da IA na cultura galega

martes, 9 de xullo do 2024 S. P.

O coñecemento e uso das tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) na cultura galega son moi desiguais segundo os ámbitos temáticos profesionais. Así o pon de manifesto o documento de traballo A Intelixencia Artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións, producido polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega.
No informe faise saber que “mentres os sectores do audiovisual e das artes visuais (fotografía, deseño, arquitectura e publicidade) coñecen e empregan a IA de xeito moi estendido (63,9% e 61,8% respectivamente), noutros ámbitos é algo inferior, como a edición de libros (47,5%) ou teatro e danza (40,5%)”.
En concreto, engádese, “son a música, o comercio de libros, os departamentos de cultura das administracións públicas ou os arquivos e bibliotecas os que menos coñecen e empregan estas ferramentas, con menos dun 25% dos profesionais enquisados que manifesten un coñecemento da IA”.
Os datos foron presentados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, durante a inauguración da xornada, que se celebra na tarde deste 9 de xullo na sede da institución en Raxoi (Santiago). A información achegada ten a súa orixe nunha explotación do Barómetro da cultura galega de 2024, instrumento para a análise e o seguimento do sector cultural en Galicia no que o CCG entrevista a profesionais de máis de mil entidades vinculadas á cultura galega nas que se inclúen empresas, profesionais autónomos, administracións públicas e tecido asociativo.
No estudo reflíctese que unicamente un 28,6% das persoas enquisadas afirmaron ter empregado a tecnoloxía da IA no seu traballo, e dentro desta porcentaxe, só un 10% afirma facelo de xeito frecuente.
Nos sectores do audiovisual e das artes visuais é onde máis profesionais empregan estas tecnoloxías, con porcentaxes do 44,3% e do 43,1% respectivamente, mentres que na administración o seu uso é moi reducido (7,8%) así como nos arquivos e bibliotecas (8,8%). Son os profesionais autónomos e as empresas os que máis a empregan (41,2% e 31,5%). As empresas con maiores ingresos as principais usuarias da IA (27,8%). Ao tempo, un 44,2% das persoas enquisadas afirmou non tela usado nunca. Porén, o coñecemento das iniciativas lexislativas da Unión Europea para a regulación do sector e a protección dos consumidores en relación á intelixencia artificial é moi elevado (un 73,3% das persoas enquisadas).
O informe reflicte que “unha significativa porcentaxe dos enquisados teñen altas expectativas sobre o uso futuro da IA”. Así, sinálase, un 42,9% das entidades agardan incorporar a tecnoloxía a algúns dos seus procesos e un 20,6% anticipa un futuro cun uso moi estendido. Como dato singular, a investigación fai saber que a visión sobre o emprego futuro da IA é máis optimista nas administracións públicas e nos profesionais autónomos.
Porén, a previsión da implantación de proxectos con IA na actualidade ou a curto prazo é moi baixa. Só un 14,9% das entidades están desenvolvendo proxectos con IA ou están xa preparándoos para a súa implementación. En xeral, os responsábeis das entidades pensan que vai haber máis emprego do IA no ámbito da actividade que na propia entidade.
Respecto á opinión sobre os beneficios ou as problemáticas da IA no sector cultural “está moi dividida”, segundo explicou o CCG, que percibiu unha "lixeira visión positiva" con respecto a que a IA será unha ferramenta "útil para o labor creativo e que o sector poderá tirar proveito da súa incorporación" (48,9%), pero unha parte importante dos responsábeis de entidades pensan o contrario (44,9%).
A opinión máis optimista dáse nos ámbitos do audiovisual, museos e artes visuais, onde a IA está a ser máis usada, mentres que se perciben máis reticencias nos ámbitos nos que se usa menos, como a educación cultural, a edición, a música ou o teatro.
Entre os elementos positivos, un 43,2% dos profesionais pensan que a IA pode axudar a configurar ofertas culturais personalizadas para os usuarios.
No estudo faise saber que o 47,5% dos xestores consideran que a IA pode dar lugar a "unha produción cultural que reproduza nesgos e prexuízos, como a discriminación por xénero ou racial" e un 56,2% pensan que unha maior introdución da IA vai supoñer a perda de postos de traballo. Ademais, un 58,2% afirman que estas ferramentas non facilitarán un "acceso máis inclusivo e democrático aos contidos culturais" e un 55,2% pensan que non van axudar a xerar contidos culturais orixinais. Os profesionais son tamén pesimistas ao redor da vantaxe que a IA pode ter para a difusión e acceso a contidos en lingua galega (un 55,1%), mais cunha porcentaxe importante que pensa o contrario (36%). Porén, un 62% considera que estas tecnoloxías axudarán a preservar, analizar e poñer en valor obras de arte.