O CCG amplía os seus contidos online cun achegamento á figura Fortunato Cruces

venres, 3 de abril do 2020 Sonia Pena

O escritor Fortunato Cruces centra unha nova entrega da colección Clásicos da emigración do Consello da Cultura Galega. E faino con Cousas gallegas, unha escolma de poemas, discursos e outros materiais do xornalista, escritor e avogado de Lestrobe (Dodro) que recuperan o CCG e a Secretaría Xeral de Emigración en edición facsimilar e con estudos introdutorios do vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, quen se encarga da análise da obra. Ademais da publicación, presentouse a entrada de Fortunato Cruces no Álbum de Galicia, a colección biográfica da nosa terra posta en liña polo Consello da Cultura Galega.
Volvendo a Cousas gallegas, trátase do terceiro volume da colección Clásicos da emigración, que recupera obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Xosé Manoel Núñez Seixas explica na introdución que Fortunato Cruces é un autor que representa un modelo de traxectoria profesional de éxito como “líder étnico”, no marco dunha comunidade inmigrante que medrou de xeito ininterrompido entre 1890 e 1930. Participou en publicacións como La Colonia ou La Justicia, e foi articulista moitas outras como Eco de Galicia e Páginas de España, pero foi desde Nova Galicia desde onde “foi artífice e intérprete da imaxe da colectividade galega e de Galicia perante a sociedade arxentina”, explica o CCG.
O Consello da Cultura Galega aproveitou a presentación virtual desta publicación para subir ao Álbum de Galicia, a entrada de Fortunato Cruces. Ademais, ofrécense fondos documentais do Arquivo da Emigración Galega, entre eles un exemplar do ano 1923 da cabeceira que el dirixiu, Nova Galicia. Trátase dun número especial no que lle fan unha homenaxe e contén moitas das fotografías máis difundidas desta figura da emigración.

PUBLICIDADE