O CCG analizará os cambios xerados pola sociedade móbil nos nosos hábitos culturais

xoves, 2 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O compromiso do Consello da Cultura coa análise do que están a dar de si as novas tecnoloxías como elementos transformadores dos nosos xeitos de comunicarnos e procurar información (entre outras moitas transformacións do día a día de cada quen) non só se vai deixar notar amplamente en 2018, tal e como avanzamos hoxe en Código Cero, senón tamén nesta recta final de 2017. Se hai uns días falamos das reflexións feitas sobre o ciberacoso dende a sede do CCG, hoxe é a quenda de avanzar as liñas xerais da xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos, prevista para o 9 novembro, novamente na sede do Consello da Cultura, e contando na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva. A cita, como se indica no seu nome, será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.
Programa da xornada
- 9:15 horas - Inauguración
- 9:30 horas - Contornas de información ubicua. Catálogo de desafíos pendentes
Juan Miguel Aguado. Universidad de Murcia. Director xeral de RTRM
- 10:30 horas - Produción e consumo de información en móbiles. Unha visión do panorama europeo
Oscar Westlund. Götegorgs Universitet
- 11:30 horas - Descanso
- 12:00 horas - Periodismo móbil e cultura móbil
Koldobika Meso Ayerdi. Euskal Herriko Unibertsitateak
- 13:00 horas - O móbil como oportunidade para producir contidos e intervir
João Canavilhas. Universidade da Beira Interior
- 16:30 horas - A comunicación política na sociedade móbil: oportunidades e retos nunha contorna híbrida
Andreu Casero-Ripollés. Universitat Jaume I
- 17:30 horas - Oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais: o prosumo como actividade creativa
Eva Campos. Universidad de Valladolid
- 18:30 horas - A conquista de novos territorios comunicativos para a cultura galega
Manuel Gago. Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela
- 19:30 horas - Clausura - Trazos e identidades dunha cultural con identidade e migrante
Ramón Villares. Presidente do Consello da Cultura Galega

PUBLICIDADE