O CCG celebra o Día da Ilustración poñendo na Rede unha colección de carteis de Xosé Vizoso

xoves, 30 de xaneiro do 2025 S. P.

O Consello da Cultura Galega celebra na Rede o Día da Ilustración, este 30 de xaneiro, cuxa edición vai adicada este ano a Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950). O CCG súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa posta na Rede do fondo Colección de Carteis da Queimada Popular de Cervo. Son 27 carteis deseñados por Xosé Vizoso nos que se pode ver a evolución do seu característico estilo.
Para o Consello, a colección de carteis ilustrados por Xosé Vizoso é “unha boa mostra do recoñecíbel estilo deste creador que estivo vencellado ao deseño na fábrica de Sargadelos”.
Os carteis celebran a compoñente lúdica e máxica coa que se construíu o ritual da queimada na Galicia contemporánea. O fondo é propiedade da entidade Asociación cultural Airiños do Xunco, organizadora da Queimada Popular de Cervo. A festa arrincou en 1974 e dende 1994 Xosé Vizoso é o autor dos carteis de cada edición.
O especial web inclúe, ademais da colección completa, un artigo contextualizador do docente e dramaturgo Francisco Piñeiro no que explica a historia e organización desta celebración.
Xosé Vizoso é un prolífico cartelista, muralista e ilustrador de libros. A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raizame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Ten unha ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos. Ademais, é tamén o primeiro autor vivo ao que se lle dedica o Día da Ilustración.