O CCG e HISPONA (USC) poñen na Rede o fondo galego Miguel Gutiérrez
mércores, 25 de xuño do 2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Grupo de investigación HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de poñer na Rede o fondo galego Miguel Gutiérrez, que inclúe máis de 3.500 carteis, pasquíns, pósteres e outros materiais de propaganda política relacionados con Galicia.
“Trátase dun fondo valioso para coñecer a transición política española e o proceso de construción da democracia”, en palabras do historiador e membro de HISPONA, Emilio Grandío.
“É fundamental que a cidadanía coñeza este patrimonio, que queda dispoñible para consulta” apuntou o coleccionista Miguel Gutiérrez, que facilitou a difusión do maior fondo de Galicia desta temática aberto e en acceso libre.
O Fondo Miguel Gutiérrez que se pon na Rede recolle propaganda e publicidade política datada entre o final do franquismo e a década do 2000. Inclúe panfletos, pósteres, carteis, adhesivos, pasquíns, chapas, publicacións, fanzines, vinilos, chaveiros e mercadotecnia variada relacionados coa política galega e do resto do Estado español.
“É un material diverso visualmente, de diferente natureza pero especialmente interesante que permite recoller unha historia de base, de comunidade e de como se foron construíndo os valores democráticos e as pautas de convivencia nunha época tan relevante” apunta Emilio Grandío. No fondo aparecen os grandes artistas da época, pero tamén hai moito traballo anónimo e clandestino. “A colección comezou no ano 1976, cando tiña só 13 anos” apunta o coruñés Miguel Gutiérrez que foi recollendo carteis e pasquíns nas rúas ata xuntar este fondo de propaganda política. “A día de hoxe, sigo incorporando materiais, aínda que non se trata dunha colección estritamente sistemática. O seu valor reside, sobre todo, na dimensión histórica e cultural que posúe” afirma Gutiérrez.
Desde 2023, o Consello da Cultura Galega contribúe a visibilización deste fondo a través dun convenio de colaboración co grupo de investigación HISPONA. Naquel ano iniciouse o acceso público dunha parte destes materiais.
A dixitalización e posta na Rede dese material intégrase dentro dunha liña de traballo prioritaria do CCG que busca afondar na memoria da Transición en Galicia.
