O CCG e a Fundación Penzol dixitalizarán o epistolario do fondo Ramón Otero Pedrayo

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol asinaron un acordo para a dixitalización do epistolario do fondo Ramón Otero Pedrayo. Os detalles do acordo foron dados a coñecer este 26 de novembro dende a sede da entidade viguesa, onde se informou que se trata dun material formado por máis de 6.500 cartas escritas por diferentes interlocutores e dirixidos ao senlleiro escritor ourensán. Son, en palabras das dúas institucións, “documentos imprescindíbeis para entender a traxectoria persoal e intelectual do escritor de Trasalba que repousaban na Fundación Penzol en Vigo”.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, foron os encargados de formalizar o protocolo de colaboración para a dixitalización e difusión pública dese material.
Segundo sinalaron, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell e Ramón Piñeiro son os principais destinatarios de todo o arquivo persoal que se garda na Fundación Penzol. Trátase de mancheas de cartas, telegramas, tarxetas postais e borradores acubillados en preto de tres mil expedientes diferentes que non estaban ordenados de xeito cronolóxico. O acordo asinado entre ambas entidades permite a súa dixitalización, etiquetaxe e posterior difusión a través dos sitios web de ambas entidades.
As cartas que se dixitalicen no marco deste proxecto, incorporaranse ás preto de trescentas misivas do polígrafo ourensá que xa están a disposición da cidadanía na web do Consello da Cultura Galega a raíz da dixitalización dos epistolarios doutras personalidades como Antonio Fraguas, Ricardo Carballo Calero ou Lois Tobío.

PUBLICIDADE