O CCG e a Secretaría de Emigración poñen o foco no regreso dos galegos que marcharon no seu novo especial online

venres, 17 de decembro do 2021 S. P.

Prosegue o traballo do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración para recuperar, reivindicar e divulgar os nomes e os acontecementos da diáspora galega, un incansábel labor que se plasma nos especiais Historias de Ida e Volta que podemos ver regularmente na Rede na web de seu e que veñen de chegar á entrega número 14, que pon o foco “nos regresos”. Así, o novo especial documenta en vinte imaxes o retorno dos emigrantes, amais das consecuencias que este regreso tivo para as persoas que volveron e para Galicia, “un fenómeno que se deu de xeito máis xeneralizado a partir de 1973, coincidindo coa crise do petróleo”, segundo sinala o CCG.
A pegada da emigración
O Consello da Cultura salienta que entre as imaxes que ofrece esta nova entrega está a de tres complexos culturais destacados. Un deles é o Laboratorio de Formas, creado en Arxentina en 1963 para “recuperar memoria histórica co fin de construír o futuro de Galicia”, un proxecto que significou a orixe de Sargadelos, das fábrica de Cerámicas do Castro e do Seminario de-Estudos Galegos. No especial vese unha fotografía de tres intelectuais galegos retornados como Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, e Alejandro Finisterra, xunto con outros que permaneceron en Galicia como Ramón Piñeiro ou Celestivo Fernández de La Vega, diante dun mural de Luís Seoane, outra figura histórica.
Outro dos proxectos que se amosan é o Parque do Pasatempo en Betanzos, un parque temático enciclopédico onde se recollía todo o saber que un emigrando betanceiro, Juan García Naveira, foi asimilando nas súas numerosas viaxes.
O especial tamén recolle o gran teatro de Vigo que toma o seu nome do verinés que emigrou a Cuba e se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico da cidade coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome.
O CCG tamén destaca que o retorno “deixou a súa pegada na transformación do sistema de alimentación e paisaxe agrario galego”. Así, o especial adica un espazo a falar do millo, cereal que procede de América.
Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

PUBLICIDADE