O CCG pon en marcha un novo proxecto web que recupera as voces das persoas sobranceiras da nosa cultura

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

Con motivo da celebración deste 13 de setembro, cabodano de Filgueira Valverde, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto de dixitalización e recuperación documental Voces centenarias, unha nova iniciativa do CCG destinada a poñer en valor o noso patrimonio cultural e, en concreto, permitíndonos escoitar gravacións das persoas sobranceiras (da cultura, da política, da emigración) da nosa cultura a través da web da institución.
Coa voz de Filgueira Valverde, xunto coa de Rafael Dieste e a de Maruxa Boga, o Consello da Cultura Galega (CCG) bota a andar unha proposta que “peneira no fondo inédito que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) para ofrecer mensualmente unha escolma das súas gravacións sonoras”. Ás devanditas voces engadiranse en breve as de Valentín Paz-Andrade, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo, Fernando Iglesias “Tacholas” e moitos outros a través dos que podemos coñecer a contribución de cada un dos nosos intelectuais nos distintos eidos do coñecemento ou da política, do uso da lingua galega alén mar nos anos 50; ou a presenza da poesía e o teatro na emigración.
O Arquivo Sonoro de Galicia foi creado en 1992 co propósito de contribuír á recuperación do patrimonio sonoro galego e aglutinar en Galicia as distintas iniciativas que traballan co mesmo afán. A recompilación, a preservación máis a catalogación e a difusión son os aspectos principais deste centro, que conta con fondos editados e fondos inéditos. Actualmente está dirixido por Xosé Ramón Pousa e ten entre os seus membros a Rafael Cid, Concha Losada, Xulia Feixoo, Mónica Rebolo, Xerardo Dasairas Valsa e Cristina Pujales.

PUBLICIDADE