O CCG pon na Rede un documental sobre a historia da recuperación da zanfona

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

A zanfona, un dos instrumentos icónicos da recuperación da música tradicional e símbolo identitario que nos conecta co período medieval, centra o documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, o novo proxecto audiovisual promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) que se presentou este xoves 3 de outubro no Museo de Belas Artes da Coruña.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do museo, Ángeles Pena Truque, deron conta deste traballo xunto co seu director, Ramón Pinheiro e dous dos protagonistas, Miro Casabella e Pablo Quintana. O documental realizado pola aCentral Folque e a produtora audiovisual Aqueladas xa se pode ver na web do CCG e máis no Youtube.
“A día de hoxe a zanfona está a vivir unha pequena era dourada, tanto na construción, como na interpretación como no ensino, e que xorde das décadas dos sesenta e setenta cando se producen unhas pequenas grandes revolucións, das que dalgunha maneira continuamos a beber” apuntou na presentación o director do documental, Ramón Pinheiro, engadindo que o audiovisual está conducido pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro e que reúne en 72 minutos os testemuños dunha decena de persoas que estudaron ou protagonizaron o rexurdir da zanfona nesas décadas.
Antón Corral, Miro Casabella, Carlos Villanueva, Xosé L. Rivas Cruz "Mini" (Fuxan os ventos), Pablo Quintana, Luciano Pérez (Obradoiro da Deputación de Lugo) ou Emilio Cao son algúns dos protagonistas que ofrecen o seu testemuño neste documental xunto cos membros do pioneiro grupo didáctico de Zanfonas da Escola de Gaitas de Ortigueira: María del Mar Fernández Polo, Marta Pérez Ojea e Vicente Bermúdez Garrote.
O audiovisual inclúe imaxes da época cedidas polos propios protagonistas, arquivos particulares e públicos, algunhas inéditas que ven a luz por primeira vez. Xosé L. Rivas Cruz “Mini” explica no documental que “a zanfona era un son familiar, noso, que nos transportaba a unha cosmovisión pero que non coñecíamos moi ben”. Canda el, Pablo Quintana ou Miro Casabella achegaron a visión dos músicos que se fascinaron por ese instrumento. Por outra banda, Antón Corral explica como foi o proceso de reconstrucións do instrumento “partiamos das gaitas que gardara Faustino Santalices e aí empezamos a reconstruíla, pero non sabíamos como se facía. Ao principio metíamos madeira moi boa pero pesada e, co tempo, fomos descubrino que era todo o contrario, que tiña que ser lixeira” apunta no documental. Todas as intervencións teñen un punto de conexión moi claro: o traballo precursor de do músico e estudoso do folclore Faustino Santalices (Bande 1877 - Madrid 1960).