O CCG pon na Rede un libro de homenaxe a Luísa Villalta para festexar as Letras Galegas
martes, 14 de maio do 2024
Dende o Consello da Cultura Galega (CCG) veñen de presentar unha publicación para festexar o Día das Letras Galegas, que este venres 17 de maio se lle adica á poeta coruñesa Luísa Villalta. Trátase da obra: Luísa Villalta: entender para vivir, que tamén se presenta en versión descargábel na web do CCG.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta publicación, que “naceu como un espazo para o diálogo entre a obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra”. Pola súa banda, Dolores Vilavedra, coordinadora do volume, salientou que son unha colección de textos que “amosan ben a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como poucos na nosa historia”. A publicación foi presentada nun acto ao que asistiu a familia de Luísa Villalta, representada na mesa pola súa irmá Susana, quen agradeceu a homenaxe, e Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega (RAG), quen subliñou que “este volume coincide coa achega diversa e comprometida da autora”.
Forman parte deste volume: Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga Do Val, Eva Veiga e Miro Villar. Cada un deles partiu dun texto da obra de Villalta para crear outra peza que constitúe un diálogo polifónico co seu legado.
“Entender ou vivir? É a pregunta hamletiana que Luísa lanzou na súa obra Ruído e que nos serviu para darlle título a esta publicación”, apuntou Dolores Vilavedra na presentación. Foi tamén a idea sobre a que convocaron as dezaseis colaboracións (quince textuais e unha plástica) que lembran o
“precursor e versátil” do seu legado porque, “malia que Luísa é coñecida como poeta, non deixou de explorar outros xéneros como a narrativa ou o ensaio”, afirmou Vilavedra.
Ademais dos quince textos hai tamén unha peza de creación artística realizada por Ana Pillado.
Trátase da peza titulada Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada; que foi bordada á man por Ana Pillado sobre unha tea antiga gardada pola familia, sobre a que Ana realizou un acrílico. A imaxe de Ana Pillado é tamén a identidade visual do cartel do Concerto das Letras Galegas. A publicación inclúe tamén un caligrama que a propia Luísa Villalta lle adicou a Francisco Pillado, cedido polas súas herdeiras (Ana e Helena) para este libro de homenaxe que o CCG edita cada ano polo Día das Letras Galegas. A edición consta de 500 exemplares numerados e unha versión dixital que, como xa apuntamos xa se pode descargar.
Alén da publicación, cada ano o Consello da Cultura Galega organiza o concerto institucional que abre, no serán do 16 de maio, os actos da celebración das Letras. Nesta ocasión a cita terá lugar no Teatro Colón da Coruña (20:30 horas) a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, que dirixe Florian Vlashi, cun programa pensado para salientar a faceta musical de Luísa Villalta. A peza que se estrea ese día, Concerto para un home só, é unha ópera de cámara baseada no texto homónimo que escribiu a autora.
O concerto é de entrada libre e gratuíta até completar a capacidade do Teatro Colón, e poderase seguir en directo na web do CCG e no prime time da TVG2 o día 17 de maio.
Ademais, no interese do CCG de que a celebración do Día das Letras Galegas se estenda máis alá do 17 de maio, o vindeiro día 30 de maio (18 horas) está programada unha conferencia arredor do pensamento de Luísa Villalta. Forma parte do Ciclo Pensarmos e contará coa participación de Eva Veiga, que dialogará con Francisco X. Fernández Naval.