O CCG pon na Rede unha parte do epistolario de Virxinia Pereira

martes, 15 de setembro do 2020 Sonia Pena

O epistolario da muller do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Virxinia Pereira, unha das grandes figuras da loita antifranquista galega da posguerra, centra o novo proxecto dixital do Consello da Cultura Galega (CCG), que puxo a disposición da cidadanía as cartas que intercambiou con Valentín Paz-Andrade.
Segundo o CCG, estes documentos permiten ver, alén da súa personalidade, “a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo”. Ademais, a correspondencia vén acompañada dunha reportaxe contextualizadora e do texto Virxina e Daniel, a complicidade en que Miguel Anxo Seixas aborda a relación do matrimonio entre Virxinia e o inmortal autor de Cousas e Os dous de sempre.
O dito epistolario está constituído por 28 cartas escritas entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao. Estas cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada.
Como dixemos, o epistolario complétase cunha reportaxe contextualizadora da plataforma Culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG e un artigo asinado por Miguel Anxo Seixas Seoane que analiza a relación entre Virxinia e Castelao.

PUBLICIDADE