O CCG promove o debate arredor das novas formas de machismo nas redes

martes, 26 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, vai organizar o mes vindeiro, o día 10, unha xornada para avaliar o papel que están a xogar as novas canles dixitais de comunicación no mantemento no tempo do machismo en calquera das súas manifestacións. Mellor dito: para avaliar até que punto un uso irracional (moitas veces amparado no anonimato) destas canles e plataformas pode reavivar problemas sexistas que xa criamos en fase de superación. A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) será coordinada por Carme Adán e Nieves Santomé, e desenvolverase na sede CCG contando coa presenza de Ramón Villares e María Xosé Porteiro (inauguración) e de Carmén Cajide e Antonio Rial, un dos principais expertos galegos en materia novos hábitos da mocidade en relación cun mal uso das tecnoloxías (adicción, acoso, fracaso escolar, agresións).
Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Segundo apuntan as integrantes da comisión, “as redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”.
Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.

PUBLICIDADE