O CCG propón garantir a plena presenza do galego nas aplicacións esenciais e nas redes sociais
luns, 15 de decembro do 2025
O Consello da Cultura Galega acolleu na tarde deste 15 de decembro un encontro cos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, administracións e outras entidades no que se presentaron as medidas do seu informe Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu a sesión na que a vicepresidenta e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, explicou o documento que contén un total de 96 medidas que contribúen a reverter a situación do galego, con especial protagonismo das novas tecnoloxías da información, das ferramentas IA e das redes sociais.
Pídese por exemplo garantir a plena presenza e operatividade do galego nas aplicacións esenciais da xustiza, sanidade, educación e a empresa; ou tamén crear un fondo mixto e de incentivos fiscais ao mecenado para apoiar a creación e distribución de contidos en galego. A maiores avógase por loitar contra os algoritmos que penalizan a nosa lingua.
A xuntanza encadrouse no marco do plan de difusión e interlocución con todos os axentes políticos, sociais e culturais, nomeadamente entres os que teñen capacidade executiva e lexislativa para implementar as medidas propostas no marco deste proceso.
Á xuntanza asistiron Valentín García, secretario xeral da lingua; Carmen Pomar, Rubén Lorenzo e José Luís Ferro en representación do Grupo Parlamentario do Partido Popular; Mercedes Queixas e Daniel Castro do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galega. En representación das deputacións, asistiu Soledad Agra, deputada de lingua da Deputación da Coruña. Pola Federación Galega de Municipios e Provincias participou a secretaria xeral, Patricia Vilán. Ademais, estiveron presentes o membros da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Iolanda Casal, Montse Pena e Elisa Fernández máis Nel Vidal da comisión técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.
O documento, presentado o pasado 16 de outubro, ten carácter instrumental, propositivo e complementa o marco lexislativo vixente e o Plan xeral de normalización da lingua galega con medidas que buscan activar unha vía de diálogo entre Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil.
As iniciativas están divididas en seis áreas temáticas, inspiradas na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias: educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte, e sociedade, crenzas e participación comunitarias.
No ámbito da administración as medidas de incorporación rápida refírense a instrucións internas, contratación, protocolos e convenios que xeran un impacto inmediato. O informe insta as administracións á “creación dunha planificación anual arredor da lingua, con orzamento e seguimento, e cunha rendición pública de resultados”. Entre outras, proponse a incorporación de cláusulas lingüísticas na contratación pública, que definan a lingua de traballo e de entrega, a cobertura, os estándares de calidade e as obrigas de provedores e subcontratistas, así como mecanismos de seguimento e medidas correctoras, buscando favorecer o uso do galego nos servizos externalizados.
No eido da xustiza, o documento recolle “a creación de unidades piloto que operen integramente en galego, así como modelos estandarizados de escritos e comunicacións”.
No da economía figura a realización íntegra dos procesos empresariais en galego (estatutos, contratos, manuais, asesoría xurídica...).
No dos medios, cultura e acción exterior recóllese ampliar a oferta de programación infantil e xuvenil (series, concursos escolares, espazos divulgativos e formatos interactivos) adaptados aos intereses actuais da infancia e a mocidade.
Tamén se inclúe a redacción dun código voluntario para que axencias, gabinetes de prensa e medios de comunicación respecten a lingua orixinal das entrevistas e roldas de prensa realizadas en galego. No educativo, proponse “implantar un proxecto piloto lingüístico de carácter voluntario, baseado na autonomía dos centros e coa aceptación das familias, que garanta que o ensino proporcione competencias lingüísticas e oportunidades de uso real equivalentes en galego e castelán”. Tamén alternar a lingua vehicular dalgunhas materias segundo o curso ou grupo, así como a creación e uso de materiais en galego en áreas como as ciencias.
Tamén se propón planificar a acollida lingüística do alumnado chegado de fóra e facilitar ao profesorado materiais didácticos actualizados en galego para todas as materias, integrando recursos xa existentes e completándoos con novos materiais que cubran o conxunto curricular. Ademais, entre as propostas, cómpre elaborar un inventario das aplicacións esenciais de cada ámbito (xustiza, sanidade, educación, empresa etc.), indicando o seu estado lingüístico e as actuacións necesarias para garantir que a interface, a documentación e o uso sexan en galego. Preténdese tamén que a configuración por defecto estea en galego. Vencellado a isto, o documento propón a operatividade plena en galego nas principais ferramentas de xestión da Administración, como son as plataformas Atenea (xustiza), Gacela (sanidade), IANUS e Cinfo tanto nas sedes como na tramitación electrónica.
Amais, proponse a creación dunha mesa galega de diálogo coas plataformas dixitais globais (Google, Meta, Spotify, TikTok...), na que participen a Administración autonómica e central para tratar algoritmos que penalizan linguas como o galego, e tamén a creación dun fondo mixto e de incentivos fiscais ao mecenado para apoiar a creación e distribución de contidos en galego.
