O CCG propón traballar para que os algoritmos das grandes plataformas non penalicen o galego

xoves, 16 de outubro do 2025 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este 16 de outubro 96 medidas para impulsar galego e para frear o devalo da lingua en todos os ámbitos, propostas entre as que se atopan alternar a lingua vehicular dalgunhas materias, fomentar a acollida lingüística para o alumnado estranxeiro, incorporar cláusulas lingüísticas na contratación pública e impulsar a presenza do galego nas aplicacións informáticas esenciais (xustiza, sanidade, educación, empresa etc.). O CCG tamén propón unha mesa de diálogo para evitar que os algoritmos das plataformas penalicen o galego.
O informe Un país coa súa lingua. Foro participativo é froito dun ano de traballo no que participaron preto de 2000 persoas e no que se recibiron arredor de duascentas propostas.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “o espírito construtivo deste documento que acompaña a outras iniciativas e que ofrece ideas replicables e asumibles”. Canda ela a vicepresidenta e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares, explicaron o documento que contén “medidas de aplicación inmediata, moitas delas sen custo económico, e estruturais que contribúen a reverter a situación do galego”. O informe xa se pode descargar desde o sitio web da institución.
Sinalaron que as iniciativas están divididas en seis áreas temáticas, inspiradas na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, e que serviron tamén de estrutura para o foro: educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte, e sociedade, crenzas e participación comunitarias.
Unha das principais conclusións do informe é que faltan unhas condicións mínimas para que a normalización da lingua teña éxito: “A fin de que as propostas funcionen e se manteñan no tempo, precísanse algunhas condicións de base”. Así, sinálase, “cómpre unha maior coordinación entre as diferentes institucións e unha mellor infraestrutura dixital (programas informáticos, aplicacións e ferramentas tecnolóxicas que permitan traballar en galego...) e é necesaria máis formación en todos os niveis e, sobre todo, establecer indicadores que permitan coñecer os avances en planificación e normalización lingüística (que se fai, como se fai, canto se gasta e que se consegue)”. Ademais, indícase que o marco económico actual é “claramente insuficiente”.
No eido da xustiza, o documento recolle a creación de unidades piloto que operen integramente en galego, así como modelos estandarizados de escritos e comunicacións. No da economía figura a realización íntegra dos procesos empresariais en galego (estatutos, contratos, manuais, asesoría xurídica...). No dos medios, cultura e acción exterior recóllese ampliar a oferta de programación infantil e xuvenil (series, concursos escolares, espazos divulgativos e formatos interactivos) adaptados aos intereses actuais da infancia e a mocidade. Tamén se inclúe a redacción dun código voluntario para que axencias, gabinetes de prensa e medios de comunicación respecten a lingua orixinal das entrevistas e roldas de prensa realizadas en galego. No educativo, proponse implantar un proxecto piloto lingüístico de carácter voluntario, baseado na autonomía dos centros e coa aceptación das familias, que garanta que o ensino proporcione competencias lingüísticas e oportunidades de uso real equivalentes en galego e castelán. Tamén alternar a lingua vehicular dalgunhas materias segundo o curso ou grupo, así como a creación e uso de materiais en galego en áreas como as ciencias. Tamén se propón planificar a acollida lingüística do alumnado chegado de fóra. Cómpre facilitarlle ao profesorado materiais didácticos actualizados en galego para todas as materias, integrando recursos xa existentes e completándoos con novos materiais que cubran o conxunto curricular.
Ademais, entre as propostas, cómpre elaborar un inventario das aplicacións informáticas esenciais de cada ámbito (xustiza, sanidade, educación, empresa etc.), indicando o seu estado lingüístico e as actuacións necesarias para garantir que a interface, a documentación e o uso sexan en galego. Preténdese tamén que a configuración por defecto estea en galego. Vencellado a isto, o documento propón a operatividade plena en galego nas principais ferramentas de xestión da Administración, como son as plataformas Atenea (xustiza), Gacela (sanidade), IANUS e Cinfo tanto nas sedes como na tramitación electrónica.
No ámbito educativo, solicítase ofrecer liñas educativas en galego, reforzar a autonomía dos centros para desenvolver iniciativas adaptadas ao contexto sociolingüístico e impulsar os equipos de dinamización da lingua galega para que dispoñan de orzamento estable así como que o profesorado teña unha dedicación horaria maior.
No ámbito cultural, proponse, entre outras medidas, a creación dunha mesa galega de diálogo coas plataformas dixitais globais (Google, Meta, Spotify, TikTok...), na que participen a Administración autonómica e central para tratar algoritmos que penalizan linguas como o galego, e tamén a creación dun fondo mixto e de incentivos fiscais ao mecenado para apoiar a creación e distribución de contidos en galego.