O CCG renova a web do Arquivo da Emigración Galega

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega vén de renovar a web do Arquivo da Emigración Galega. Fíxoo coincidindo co centenario da Federación de Sociedades Gallegas, que arrincou a súa andaina tal e día coma hoxe de 1921, da man de Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema co obxectivo de loitar contra o caciquismo e defender os intereses da colectividade galega emigrada.
No centenario desta entidade, que aínda fica en activo, o CCG presentou como dixemos a renovación do sitio web do Arquivo da Emigración Galega (AEG), unha transformación que inclúe novos contidos e unha nova entrega do especial Historia de Ida e volta, centrada na difusión de material relativo á traxectoria desta histórica entidade.
A nova páxina, sinala o CCG, preséntase ao público con dous contidos novos encamiñados a mostrar, reivindicar e facilitar a difusión pública do traballo do devandito departamento.
O Consello lembra que o Arquivo da Emigración Galega custodia material de preto de trescentas sociedades galegas espalladas desde Cuba, Brasil, Uruguai ata Suíza, Alemaña, Reino Unido cuxa indexación se pode localizar agora a través do sitio en liña.

PUBLICIDADE