O CCG xunta nun web as actividades galegas do Día do Patrimonio

venres, 10 de novembro do 2017 Redacción

A actividade TIC do Consello da Cultura Galega non cesa. Se os días pasados falamos das súas propostas tecnolóxicas para 2018 e, esta mañá, da súa xornada sobre cultura galega e recursos móbiles, agora o CCG volve subir un chanzo dixital coa presentación dunha web na que xunta as actividades (visitas guiadas, xornadas de portas abertas, pezas do ano, difusión de documentos dixitalizados, etc) dos nosos centros da memoria no Día do Patrimonio, unha celebración (o vindeiro 16 de novembro) á que se adhiren múltiples entidades da nosa terra, dende bibliotecas a arquivos, pasando por museos. Grazas á iniciativa do CCG, estas accións visualízanse de xeito conxunto por vez primeira nun único sitio en liña. En palabras do presidente da institucións, Ramón Villares, “estamos ante unha chamada de atención sobre a importancia do patrimonio moble”.
Canda Villares, participaron na presentación da web os membros da sección de Patrimonio do CCG Concepción Varela e Gabriel Quiroga, que salientaron “a transversalidade e a relevancia de difundir accións sobre o patrimonio”.
Pola súa banda, o técnico do Consello da Cultura, Manuel Gago, fixo saber que o acubillo dixital agrupa “pequenos fitos”, destacando o feito de que as entidades implicadas se puxeran de acordo desta maneira para mostrar canto se fai na nosa terra para celebrar a festa do 16. E fano, engadiu, “desde unha imaxe única que non é o logo de ningunha institución senón unha imaxe gráfica compartida”. Ademais, explicou Gago, “sumáronse a esta proposta centros públicos e privados, grandes e pequenos con accións que se desenvolven en toda a xeografía, tanto rural como urbana”.
Algunhas das accións
No acto celebrado na sede do Consello da Cultura enumeráronse e debulláronse algunha das actividades máis destacadas, como por exemplo a adaptación ao dixital dun facsímile vencellado a Castelao, unhas charlas sobre o traballo dos arquivos ou a dixitalización do Himno Galego gravado en Barcelona en 1919.
En total, estamos a falar de trinta actividades a desenvolver en catorce centros de Galicia.
Os centros que se suman a esta iniciativa son o Arquivo da Real Academia Galega, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, o Arquivo Municipal de Ferrol, o Ecomuseo de Arxeriz, a Fundación Penzol, a Fundación Vicente Risco, o MDC_L Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE