O CDTIC acollerá este mes seminarios centrados en Adobe Premiere, GIMP e Inkscape

venres, 8 de novembro do 2019 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA organiza a cuarta edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas dedicadas a un tema concreto e cunha duración aproximada de dúas horas e media.
En novembro, #MesD centrarase nas ferramentas audiovisuais con tres actividades sobre os programas Adobe Premiere Pro, para a edición de vídeos; GIMP, para retoques fotográficos; e Inkscape, para deseño.
Todas elas desenvolveranse nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 18.30 horas e están dirixidas a calquera persoa interesada que desexe mellorar as súas habilidades en calquera destes ámbitos.
A primeira sesión, que impartirá o 12 de novembro César Domínguez Castro, estará dedicada a Adobe Premiere Pro 2016, unha ferramenta coa que as persoas asistentes poderán coñecer aspectos básicos para a realización e a edición de vídeos.
O segundo seminario, centrado en GIMP, chegará o 21 de novembro da man de Jorge Lama, e nel farase unha aproximación ao retoque fotográfico con esta ferramenta libre, versátil, fácil de usar e, ao mesmo tempo, potente.
Por último, o 28 de novembro chegará a quenda de Inkscape, sobre o que tamén falará Jorge Lama para dar a coñecer as vantaxes deste editor de gráficos vectoriais potente, cómodo e de código libre.
Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.

PUBLICIDADE