O CDTIC presenta os seus novos programas formativos a semana que vén

mércores, 21 de febreiro do 2018 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA presenta, o día 27 de febreiro, os dous novos programas formativos que vai poñer en marcha, #MesD e #DemosXWeb, no marco da Xornada Marketing Dixital e Comercio Electrónico: Tendencias 2018-2020.
Durante a Xornada, Rubén Bastón, director da revista Marketing4ecommerce e especializado en social media e contidos dixitais en Elogia, esbozará as tendencias en Comercio Electrónico e Marketing Dixital que gañarán peso nos vindeiros anos, motivados por un escenario de constante evolución, tanto tecnolóxica como cultural. A continuación as PEME tomarán a palabra nunha mesa de debate onde compartirán a súa experiencia na venta dos seus produtos e servizos a través de internet.
Esta actividade, que poderá seguirse nas redes sociais a través do cancelo #eTendencias2020, está destinada principalmente a cargos directivos, propietarios e persoal de pequenas e medianas empresas. Para asistir cómpre inscribirse vía web ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.

Programa #MesD

Trátase dun programa que se desenvolverá ao longo de sesións formativas concentradas cada mes nun tema amplo e cunha duración aproximada de dúas horas.
O primeiro bloque temático estará centrado no Comercio Electrónico. Desenvolverase ao logo do mes de marzo, todos os martes, na aula CeMIT de Vigo. Nestas xornadas abordaranse os seguintes aspectos: claves para o éxito, prezos e competencia, campañas e promocións, plataformas tecnolóxicas e tendas.
O segundo bloque temático, que se celebrará no mes de maio, estará dedicado ao Marketing Dixital, con sesións sobre o marketing de buscadores, marketing en redes sociais, email marketing ou analítica de resultados web.

Programa #DemosXWeb

Estoutro programa desenvolverase a través de sesións demostrativas dunha hora, que se retransmitirán exclusivamente por streaming, e que tratarán sobre unha ferramenta, aplicación ou tema concreto. O obxectivo deste formato é ter unha explicación rápida e cómoda para o receptor, que non ten que desprazarse.
Inicialmente, os temas que se van tratar nestas sesións serán: redes e internet, marketing, comercio electrónico, mobilidade, produtividade e negocios, multimedia e utilidades.

PUBLICIDADE