O CEI Nodus quere marcar un punto de inflexión en emprendemento no seu 15 aniversario

martes, 5 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O CEI Nodus, un dos grandes centros do emprendemento lucense, recibiu este luns a visita da alcaldesa Lara Méndez, con vistas a avanzar algúns detalles do que será un dos grandes acontecementos da tempada en materia de innovación e novos proxectos: o 15 aniversario do CEI Nodus, o vindeiro 29 de novembro.
A rexedora, que interveu na compaña das e dos responsábeis de varios proxectos tecnolóxicos que tiraron proveito dos servizos do dito centro lucense, sinalou que a celebración do 29 será “un punto de inflexión para dar un novo pulo ao Lugo do emprendemento”. Segundo apuntou, o total de empresas que se formaron e asesoraron no CEI Nodus ascende a 105
Méndez engadiu que o centro naceu coa vocación de informar, formar, emprender e achegar asesoramento a moitas iniciativas e proxectos que “en moitos casos xa son un referente” como é o caso de Manuel Lolo Aira, de AMS Lab (laboratorio de servizos de analítica de datos para todo tipo de sectores produtivos: químico, farmacéutico, agro-alimentario, medioambiental, etc), Javier Pérez López, de Técnica Dental Estudio, Oscar Pásaro García, de Conpas.Net (consultora de servizos tecnolóxicos avanzados), Iago Gonzalez Campo, de Wide Partner (centrada en fornecer de solucións para optimizar e transformar os negocios). Todas estas empresas participaron onte amosando as súas andainas e experiencias xunto coa alcaldesa, que explicou que os ditos proxectos comezaron cun total de media ducia de persoas e que, hoxe en día, xa facilitan emprego a máis de 70 traballadores.
Os actos do 29
Na cita de onte tamén se explicou parte da programación do próximo 29 de novembro, que comezara ás 09.30h cunha xornada de portas abertas destinadas a institutos, universidades, asociacións. En paralelo con estas visitas guiadas realizaranse mesas redondas e grupos de traballo para compartir experiencias, coñecementos e recursos. Amais, habilitarase espazo adicado aos mais pequenos, onde poderán ofrecer os seus produtos a todo aquel visitante que se achegue ao CEI Nodus neste 15 aniversario. Como broche final celebrarase unha gran festa na praza lindeira ao edificio, contando con artistas tales como: Laura LaMontagne, Baiuca e Natalia Ferviu DJ.

PUBLICIDADE