O CEI-Nodus xa acolleu 137 proxectos innovadores dende a súa posta en marcha
martes, 2 de xullo do 2024
O Concello de Lugo fixo balance dos grandes fitos do CEI-Nodus dende a súa posta en marcha en materia de emprendemento, traballo colaborativo e innovación. Segundo fixo saber o Executivo luncense, o CEI-Nodus impulsou a posta en marcha e crecemento de 137 proxectos empresariais ao longo dos seus 20 anos de historia.
A piques de celebrar o seu 20 aniversario, a rexedora Paula Alvarellos visitou algunha das empresas que deron os seus primeiros pasos neste viveiro municipal, entre elas o grupo biotecnolóxico especializado en control de calidade e solucións analíticas AMS Lab e o laboratorio de técnica dental Oral Design Lugo. As empresas teñen o seu centro de operacións no Polígono do Ceao (no caso de AMS Lab) e en Augas Férreas (no caso de Oral Design). Na visita a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e puido coñecer de primeira man o funcionamento e os servizos prestados por estas empresas punteiras, con selo lucense, que xa xeraron decenas de empregos no municipio. Estas visitas enmárcanse dentro das actividades programadas polo Concello con motivo do 20 aniversario do CEI Nodus.
Alvarellos lembrou que “o CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do Goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”. Engadiu o servizo tamén supuxo a xeración de máis de 300 postos de traballo directos no municipio” e que “o CEI-Nodus permítenos poñer o foco en iniciativas locais, apoiando o talento lucense e xerando un desenvolvemento económico para a cidade de Lugo e para toda a comunidade, como puidemos comprobar nas dúas visitas que realizamos”.
E concluíu: “A través desta ferramenta dende o Goberno local tamén buscamos dar oportunidades aos mozos e mozas, para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade; así, o persoal do CEI prestou asesoramento personalizado e acompañemento a máis de 600 proxectos ao longo destes vinte anos”
Recentemente, o Executivo de Paula Alvarellos vén de incorporar seis novos proxectos empresariais ao viveiro: “Trátase de empresas que ofrecen servizos moi variados dende o deseño e o rotulado, o adestramento profesional e o asesoramento, a restauración de patrimonio cultural ou os servizos funerarios e que agardamos aproveiten a oportunidade que lles brindamos para crecer e consolidarse como referentes no seu sector, como así o fixeron AMS Lab ou Oral Design dende a nosa cidade”.
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 obradoiros, 2 laboratorios e 16 locais.
Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para sementeiro e un espazo coworking.
Actualmente todos os espazos e despachos atópanse ocupados, o que “dá boa mostra do interese destas instalacións e servizos para os emprendedores e emprendedoras lucenses”, subliñou Repetto, quen convidou ás e aos interesados a enviar a súa solicitude que será avaliada no momento en que queden locais dispoñíbeis.