O CEIN duplicou a súa capacidade por mor das demandas de dixitalización marcadas pola pandemia

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

JPEG - 116.5 KB
Nova sede do CEIN no Paxonal, en Santiago

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC en Galicia (CEIN) duplicou a súa capacidade en 2020. Fíxoo en boa medida debido a un factor determinante: a dixitalización acelerada e as novas necesidades das grandes empresas en áreas como a análise de datos a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial provodadas pola pandemia.
Segundo informan dende DXC, firma multinacional de servizos tecnolóxicos, o aumento de persoal, que se situou nos 100 profesionais na actualidade, obrigou tamén a cambiar de sede, desde as instalacións do Museo de Galicia na Cidade da Cultura a unha nova localización, en Oficinas Paxonal, tamén en Santiago, que apenas se chegou a estrear, xa que o 100% do equipo traballa en remoto desde o inicio da pandemia.
Especialidades
O CEIN está especializado en Big Data, Analytics, Business Intelligence e Intelixencia Artificial, colabora activamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e é parte activa da Estratexia Dixital 2030 da Xunta de Galicia, que promove capacidades en tecnoloxías disruptivas: Intelixencia Artificial, Ciberseguridad, Intelixencia do Dato e 5G. O CEIN desenvolveu para a Xunta diferentes proxectos innovadores baseados no estudo dos datos masivos e as tecnoloxías intelixentes e centrados na análise preditiva na prestación farmacéutica, a análise da atención á dependencia ou a plataforma de comunicación É-Saúde.
O Centro desenvolve proxectos e presta servizos para grandes bancos españois, multinacionais da moda, da automoción, da distribución ou da fabricación. No ámbito galego, destaca a colaboración con FINSA no proxecto Enxeño+ que investigará a aplicación de novas tecnoloxías nos procesos produtivos para continuar transformando e producindo de forma eficiente e sustentábel, materiais e produtos de alto valor engadido derivados da madeira.
Big Data para minimizar os efectos da pandemia
Segundo informa DXC, “a COVID-19 obrigou a moitas grandes empresas a potenciar a súa estratexia multicanle, especialmente no ámbito en liña, a optimizar a xestión do risco en banca e os procesos de fabricación na industria, xestionando inventarios e stocks na distribución para paliar os efectos da pandemia”. As tecnoloxías intelixentes e de Big Data permitiron, neste senso, “extraer coñecemento de negocio e desenvolver modelos predictivos para tomar as mellores decisións”, explica a compañía, engadindo que o crecemento do persoal do CEIN, que duplicou as cifras previas, posibilitou dar resposta “a estas novas necesidades e pór en marcha desde Galicia proxectos que hoxe son referencia nestas novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE