O CEIP Emilio González López celebra a súa primeira feira científica BREXO STEAM

luns, 19 de xuño do 2023 Redacción

A pasada tarde o CEIP Emilio González López en Brexo-Lema (Cambre) acolleu a Primeira Edición da Feira BREXO STEAM, unha feira científica na que o alumnado é o principal protagonista xa que a cativada de Educación Primaria e Infantil explican e presentan as diferentes actividades que compoñen o programa de 20 actividades que compoñen a feira.
O evento, visitado por preto dun milleiro de persoas, contou coa participación de máis de 140 cativos do CEIP Emilio González López, quen desenvolveron os talleres, experimentos e demostracións científicas. Todo o Centro estivo implicado nesta celebración que busca divulgar a ciencia dun xeito próximo e divertido.
O equipo directivo do Centro mostrou a súa satisfacción “non só pola acollida recibida da veciñanza de Cambre, tamén pola experiencia que supón para o alumnado compartir coñecementos entre compañeiras e compañeiros dos cursos de Infantil cos últimos cursos de Primaria”.
A ciencia e a divulgación científica teñen unha especial relevancia no Centro, de feito, este ano difundiuse o importante traballo de mulleres científicas pioneiras como son Marie Curie, Isabel Zendal, Florence Nightingale ou Valentina Tereshkova. Con esta Primeira Edición da Feira BREXO STEAM trátase de fomentar o interese pola ciencia, espertando a curiosidade e entusiasmo das nenas e nenos polas actividades científicas. “A ciencia pode ser divertida, interesante e relevante para as súas vidas, polo que o espírito deste Feira e nacer con continuidade, converténdose nunha cita anual do Centro e de Cambre”, sinalan desde o equipo directivo.
Con esta iniciativa búscase promover a aprendizaxe activa: BREXO STEAM brinda ao alumnado a oportunidade de participar en actividades prácticas e experimentos, o que lles permite aprender de maneira activa. Anímaselles a explorar, facer preguntas e buscar respostas por si mesmos, ademais de desenvolver habilidades científicas de observación, formulación de hipótese, deseño de experimentos, recompilación e análise de datos, e presentación de resultados, estimulando o seu pensamento crítico.
A organización desta BREXO STEAM incide na importancia do formato, xa que ao mesturar as idades do alumnado, promóvese a colaboración e o traballo en equipo. A ciencia realízase en equipo, todas e todos participan dun xeito ou outro traballando de maneira conxunta en proxectos e actividades. Así, foméntase a inclusión e a igualdade de xénero, promovendo a participación de todo o alumnado por igual, explorando e gozando da ciencia.