O CEIP Emilio González López celebra este xoves a 2ª edición da feira Brexo STEAM
martes, 11 de xuño do 2024
O vindeiro xoves 13 de xuño o CEIP Emilio González López (Brexo-Lema, Cambre) celebrará a segunda edición da Feira Brexo STEAM, unha feira multidisciplinar na que o alumnado será o principal protagonista e que desta volta terá un formato de mostra universal, ofrecendo un percorrido por máis de 10 países de todo o mundo a través de experimentos e obradoiros de diversa índole.
Celebrarase en horario de 16:30 a 19 horas e nela participarán tanto nenas e nenos de Primaria como de Educación Infantil.
Lembrar que STEAM son as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemática. Segundo informaron fontes do CEIP, os postos desta feira serán atendidos por un membro do profesorado do centro e varias alumnas e alumnos de Educación Primaria que axudarán aos máis pequechos nos stands de Infantil. “Trátase de implicar a todo o centro na divulgación científica, tecnolóxica, enxeñeira, artística e matemática, así como a lingüística; compartindo coñecementos e desenvolvendo unha actividade de sensibilización sen importar a idade”, explican dende o centro de Cambre, engadindo que o programa inclúe obradoiros, experimentos e todo tipo de actividades vencelladas coa á ciencias e outras disciplinas.
Segundo o equipo directivo, “esta edición da feira terá un formato de mostra universal, será un percorrido multidisciplinar por máis de 10 países e descubriremos experimentos, talleres e outras actividades vinculadas aos países que estudamos e traballamos ao longo do curso”.
O CEIP Emilio González López é un centro de estudos situado na parroquia de Brexo-Lema (Cambre). Cunha liña por curso, agás en quinto de Educación Primaria, este pequeno centro escolar imparte clases de Infantil e Primaria desde hai máis de 30 anos, sendo unha referencia na súa área de influencia pola súa visión da educación e aprendizaxe.