O CEIP Martínez Alonso de Mos distinguido cun dos Premios STEAM do Goberno

mércores, 19 de novembro do 2025 S. P.

O secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, fixo entrega este mércores 19 de novembro dos Premios alianza STEAM polo talento feminino, nenas en pé de ciencia, cuxo obxectivo é “recoñecer proxectos educativos, materiais curriculares ou innovacións educativas dirixidas a fomentar entre as nenas as vocacións científicas e tecnolóxicas e contribuír ao peche da brecha de xénero que existe neste eido”. Ou sexa, no eido da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría, a Arte e a Matemática (siglas de STEAM). Entre os centros premiados está o CEIP Martínez Alonso de Mos.
Os galardóns repártense en cinco categorías: Educación Infantil e Primaria; Educación Secundaria e Bacharelato; Formación Profesional de Grao Medio; Formación Profesional de Grao Superior; e entidades e organizacións. Os primeiros premios están dotados con 5.000 euros cada un, os segundos con 3.000 euros e os terceiros con 2.000 euros.
A convocatoria permitía a participación en varias modalidades, desde centros educativos de Infantil e Primaria, centros de educación Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional Básica, Superior e Ensinos de Réxime Especial; e unha modalidade para entidades ou organizacións pública ou privadas.
Esta é a relación de centros galardoados:
Na categoría Educación Infantil e Primaria
CPI Ana María Navales (Zaragoza, Aragón): recibiu o primeiro premio por un proxecto dirixido a que o alumnado de 2º de educación Infantil poida familiarizarse co coidado da contorna, a ecoloxía e as profesións médico-científicas desde unha perspectiva de xénero.
CEIP Martínez Alonso (Mos, Pontevedra): recibiu o segundo premio pola creación dunha marca de roupa ecosostible mediante obradoiros STEAM. A comunidade do centro creou unha iniciativa interdisciplinar que combina distintos ámbitos de aprendizaxe e metodoloxías para crear a súa propia marca e confeccionar unha bolsa de tea cunha mensaxe reflexiva sobre o papel da muller na industria téxtil e a sociedade en xeral.
CEIP 19 de xullo (Bailén, Xaén): recibiu o terceiro premio por un proxecto para romper coa idea das profesións asociadas a determinados xéneros.
Na categoría Secundaria e Bacharelato
IES Eugenio Frutos (Guareña, Badaxoz): recibiu primeiro premio por un proxecto sobre as mulleres científicas de Guareña, que engloba unha serie de accións para ofrecer referentes próximos en ciencia á poboación de Guareña.
IES Santa Eulalia (Mérida, Badaxoz): recibiu o segundo premio por un proxecto para loitar contra a brecha STEAM promovendo as vocacións científico-técnicas entre alumnas.
IES O Vinalopó (Novelda, Alacante): recibiu o terceiro premio (compartido con outro centro) por un proxecto que busca fomentar a vocación científica entre mulleres estudantes de Bacharelato e promover o pensamento crítico ante a crise climática.
IES Francisco Rodríguez Marín (Osuna, Sevilla): recibiu o terceiro premio (compartido con outro centro) por un proxecto que busca visibilizar o importante papel científico que xogou a muller ao longo da historia conseguindo unha fotografía con 43 mulleres científicas.
En Formación Profesional Básica, Grao Medio e Grao Superior
Institut Montsiá (Amposta, Tarragona): recibiu o primeiro premio de Grao Medio polo proxecto Girl’s day Ins Montsià como reflexo da cultura coeducativa e de igualdade que ten o centro.
Instituto Escola do Treball (Barcelona): recibiu o primeiro premio de Grao Superior por un proxecto que fomenta a orientación das estudantes, nenas de Primaria e Secundaria, cara ás familias profesionais da industria 4.0, a tecnoloxía e os oficios tradicionalmente masculinizados.
CIPFP Canastell (San Vicente do Raspeig, Alacante): recibiu o segundo premio de Grao Superior polo seu proxecto centrado na industria 4.0 no que se emprega a robótica colaborativa.
Na categoría de entidades ou organizacións
Universidade de Deusto (Navarra): primeiro premio polo seu proxecto de mentoring sobre alumnado de 6º de Primaria en STEAM.
Concello de Esplugues de Llobregat (Cataluña): segundo premio por Dons³: Ciència, Talent i Tecnologia, centrado precisamente en loitar contra a brecha de xénero en STEAM.
Consello Superior de Investigacións Científicas: terceiro premio polo seu programa El CSIC en la escuela, que fomenta as vocacións científicas desde idades temperás.
Ademais, outorgáronse oito mencións honoríficas ao Colegio Sagrado Corazón (Logroño), o CEIP Marie Curie (Sevilla), o IES La Marisma (Huelva), o IES Jacarandá (Brenes, Sevilla), a Consejería de Educación de la Junta de Extremadura, Federación Mujeres Jóvenes, Fundación ASTI Talent and Technology Foundation e a Fundación CERES (Centro de recursos sociais).