O CEIP de Laredo, finalista en Wisibilízalas 2018

luns, 12 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O CEIP de Laredo (Chapela, Redondela), un dos nosos principais referentes en afianzamento das tecnoloxías no día a día das/os escolares, comezou ano con forza no que a participación en certames tecnolóxicos se refire. Se recentemente falamos da súa presenza no proxecto educativo-aeroespacial Hana (no que concorre como centro piloto), hoxe puidemos saber que o seu proxecto Donas do Código foi un dos tres seleccionados, de entre 300 centros aspirantes a nivel estatal e latinoamericano, para parar á rolda final do Premio Wisibilízalas, convocado por Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, visualizando figuras referentes nestes eidos. O proxecto galego, finalista na categoría junior con outras dúas achegas, foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos.
Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.

PUBLICIDADE