O CEIP de Laredo lanzou unha web para facer factíbel a continuidade docente durante o confinamento

luns, 30 de marzo do 2020 S. P.

O CEIP de Laredo en Redondela, un dos grandes referentes de innovación educativa na nosa terra, está a combater con armas tecnolóxicas o cese das actividades presenciais do colexio, derivado da pandemia de COVID-19 e o estado de alarma. E faino coa iniciativa Dende a casa, unha proposta tecnolóxico-educativa preparada in extremis co remate das clases e que ten o obxectivo de seguir dando continuidade á actividade docente malia os problemas e atrancos que desencadeou a crise sanitaria.
Dende a casa é un programa de aprendizaxe en liña que, segundo informa o centro, “dá resposta académica, emocional e social á complexa situación que estamos a vivir, achegando algo máis que unha contorna educativa virtual”. Este “algo máis” é o potencial da iniciativa para funcionar como punto de encontro, solucionando o principal atranco ao que se enfrontan as comunidades educativas nestes tempos de restricións e confinamento: o illamento, a dispersión e a incomunicación.
Respecto dos contidos postos en xogo, non se trata de contidos de repaso, senón que a iniciativa quere ser en si mesma unha prolongación do curso, con novos temas acompañados de retos e desafíos que favorezan a aprendizaxe non presencial.
Por certo que na páxina web achéganse cada da actividades específicas para a rapazada de cada curso, procurando formatos que estimulen a aprendizaxe (vídeos para ver e para facer, xogos, obradoiros) e non limitándose a liña educativa a materias ligadas ao textual, xa que (por exemplo) o profesorado tamén se atreve cos exercicios de Educación Física en clave colectiva.
A iniciativa, entre outras moitas cousas, tamén subministra á rapazada desafíos específicos ligados ao tempo de pandemia que estamos a vivir, como por exemplo os corona-retos de Biblio na casa, que é un proposta para que as familias relaten contos, canten cancións ou reciten poesías para logo pendurar os audiovisuais resultantes nas redes do centro. Esta proposta compleméntase co Corona-Fest, un certame de audiovisuais que busca estimular, dende o confinamento, os moitos talentos que as nenas e nenos atesouran.
Co fin de acadar a plena adaptación da actividade presencial previa ás novas contornas, Dende a casa inclúe tamén un recreo virtual para que os escolares teñan un intre para desconectar.

PUBLICIDADE