O CEMI UDC-Navantia xa conta con máis dun centenar de investigadores dando forma ao estaleiro do futuro
luns, 27 de novembro do 2023
O
Centro Mixto de Investigación
UDC-Navantia segue a reunir talento e experiencia. Segundo
explica a Universidade da Coruña, o equipo involucrado no programa
supera as 100 persoas, 52 da institución educativa e 47 da compañía
pública Navantia, ás que habería que engadir outras que se
integran nos grupos de traballo a través das subcontratacións
necesarias para determinados proxectos. O reto da CEMI é
intensificar a hibridación e a interdisciplinariedade dos equipos de
traballo, dando continuidade aos logros da súa antecesora, a Unidade
Mixa de Investigación (UMI) UDC-Navantia, en materia de colaboración
investigadora (o traballo do persoal da UDC e da empresa).
A
UDC asignou aos proxectos do CEMI 28 investigadores que forman parte
do seu persoal. Deles, a maioría son doutores e doutoras en Física,
Enxeñaría Industrial, Enxeñaría Informática ou Enxeñaría Naval
e Oceánica e nove son catedráticos de universidade. “Son perfís
cunha longa traxectoria no ámbito tecnolóxico e científico, que
suman máis de 800 artigos publicados en revistas científicas e que
participaron ou dirixiron máis de 400 proxectos de investigación”,
explica a UDC, engadindo que a estes 28 investigadores sénior
engádense outras 27 persoas contratadas pola Universidade a tempo
completo, con perfís correspondentes a mestrado en enxeñaría,
enxeñaría técnica, grao en enxeñaría ou grao ou licenciatura en
ciencias aplicadas. Deles, a metade son novas incorporacións e a
outra metade continúan en postos creados no marco da anterior UMI.
Pola
súa banda, Navantia asignou 47 persoas aos diferentes proxectos de
investigación que está a desenvolver o CEMI. Catro delas
dedícanlles o 51% da súa xornada de traballo, mentres que o resto
destina entre un 5% e un 15% da mesma a tarefas que abranguen
diversos ámbitos como o control de calidade, o apoio ao ciclo de
vida, a rastrexabilidade, o control estatístico de procesos,
inspección ou laboratorio, entre outros.
Os
perfís de Navantia corresponden tamén a persoas cunha alta
cualificación. Titulados e tituladas en Ciencias Químicas,
Enxeñaría Naval e Oceánica, Deseño Industrial, Enxeñaría
Técnica Naval, Enxeñaría Técnica Industrial en Electrónica, en
Mecánica, Enxeñaría de Camiños, Automática ou Telecomunicacións.
No equipo hai tamén un doutor enxeñeiro industrial. En conxunto, o
persoal que a empresa pública imputou ao programa do CEMI suma máis
de 700 anos de experiencia na compañía pública en áreas de alta
especialización.