O CES de Las Vegas puido xogar un papel importante na propagación da COVID-19

venres, 24 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a nivel mediático a primeira feira tecnolóxica afectada pola COVID-19 foi o Mobile World Congress de Barcelona, cancelado no mes de febreiro nun momento no que parecía inxustificada a medida ante a reducida presenza do coronavirus en España, a análise da situación actual está a levar a conclusións bastante sorprendentes, xa que xurdiron evidencias de que o SARS-CoV-2 tería no Consumer Electronic Show (CES) de Las Vegas, celebrado a primeiros de xaneiro, un dos seus puntos chave de propagación nos EE.UU.
Ao evento de Las Vegas acudiron máis de 170.000 persoas entre os días 7 e 10 de xaneiro, e botando a vista atrás hai evidencias de que o coronavirus estivo a circular durante o CES, o que podería ter afectado de xeito importante tanto na introdución da enfermidade nos EE.UU. como na súa propagación global, xa que os asistentes á feira viñan de todos os recantos do mundo.
Entre os elementos que levaron a tal teoría está o feito de que xa se confirmaron varios pasamentos por coronavirus no Departamento de Saúde Pública do Condado de Santa Clara (territorio que inclúe a Silicon Valley), e unha desas mortes teríase producido a primeiros de febreiro, o que indicaría que a propagación estadounidense foi moi anterior ao que se pensaba inicialmente.
Resulta complicado confirmar se realmente foi o CES a porta de entrada do coronavirus aos EE.UU., pero o feito de que á feira acudisen máis dun cento de persoas procedentes de Wuhan, que a cronoloxía inicial da enfermidade non estea nada clara por mor da opacidade chineses, e que practicamente sexa imposible identificar detectar as novas enfermidades no seu período inicial, fai complicado chegar a conclusións sólidas, pero o que si está confirmado é que varios asistentes ao CES enfermaron días despois da feira no que describían como «unha gripe forte» ou «un horrible arrefriado».
O curioso desta situación é que os asistentes ao CES están afeitos a coller a gripe en tal encontro, precisamente polos hábitos de dar a man a practicamente calquera persoa coa que se establece contacto e continuar tocando logo dispositivos como o móbil, o que fai inevitable que certas doenzas se espallen de xeito xeral. Será difícil confirmar se a gripe do CES deste ano era realmente o coronavirus, pero a experiencia debería levar a un cambio nos protocolos de comportamento neste tipo de feiras, para evitar que sexan unha das principais vías de contaxio de enfermidades futuras.

PUBLICIDADE