O CESGA captou 47 millóns de euros procedentes de fondos europeos

mércores, 24 de xullo do 2024 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén da captar un investimento de 47,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip. “Este feito amosa a gran calidade e a competitividade do proxecto do CESGA e o liderado de Galicia neste ámbito”, salientou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, que engadiu que “Galicia é a comunidade que consigue unha maior achega entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES), formada por 14 supercomputadores distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros”.
O devandito, explicou, significa que Galicia “foi quen de captar o 75% dos fondos repartidos en toda España”. Agora, estes fondos europeos serán complementados con fondos propios do Goberno galego.
O proxecto do CESGA, presentadas dentro do Plan estratéxico da RES, demostra tamén, en opinión do conselleiro de Ciencia, “o compromiso de Galicia con estas infraestruturas que permitirán avanzar no descubrimento de novos medicamentos, no deseño de novos materiais, na optimización dos procesos de produción na industria ou na mellora da eficiencia enerxética, entre outros usos”, destaca Román Rodríguez.
Con isto, ademais, refórzase o “potencial de Galicia en ámbitos como a dixitalización ou as tecnoloxías cuánticas, que redundará na mellora da calidade dos servizos prestados á comunidade científica e na transformación dixital do tecido produtivo”, engadiu.