O CESGA conmemorará novamente o Día das Rapazas nas TIC, o 23 de abril
martes, 24 de marzo do 2026
Un ano máis, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) súmase á celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC (tamén coñecido a nivel mundial como International Girls in ICT Day), o vindeiro 23 de abril.
Xunto á Dirección Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) o centro compostelán organizará un faladoiro virtual aberto con catro mulleres galegas que traballan no mundo da tecnoloxía desde distintos eidos, pensando especificamente no alumnado dos últimos ciclos de primaria e secundaria de Galicia.
O alumnado participante poderá aprender das súas testemuñas, traxectorias, experiencias, dificultades e éxitos, ademais de achegar preguntas e dúbidas.
O Día das Rapazas nas TIC no CESGA é unha actividade destinada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
Para este 2026 o CESGA conta con catro investigadoras de áreas diversas, cuxa experiencia e reflexións servirán para poñer voz e cara a unha realidade na que aínda queda moito por facer: a do acceso das mulleres á formación e aos traballos no eido das TIC.
Trátase de Marta Castiñeira Reis, investigadora do CESGA no ámbito da simulación computacional e a análise de datos (proxecto EDD-DATAlife), é doutora en Química Teórica e Modelado Molecular pola Universidade de Vigo (2019); Patricia González Gómez, profesora e investigadora do Departamento de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña, centra boa parte do seu traballo na computación de altas prestacións, incluíndo o uso de supercomputadoras, computación na nube e análise de datos a gran escala; Hilda Romero Velo, investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e doutoranda en Informática na Universidade da Coruña (UDC); e Aránzazu Sucasas Hermida, investigadora de Telefónica e actualmente candidata a doutorado na Universidad de Vigo (UVigo), onde desenvolve investigación centrada na segmentación de lesións mamarias mediante resonancia magnética para a detección precoz do cancro de mama.
Para rematar sinalar que detrás da organización deste Día das Rapazas TIC atópanse a Área de eLearning do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA (dependente de GAIN e CSIC), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG) e coa colaboración do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).
Engadir, a xeito de colaboradoras e colaboradores: á Xunta de Galicia: (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a AMTEGA); á Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); á Asociación .GAL; á USC (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade); á Facultade de Informática da UDC; á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e aos Colectivos Hello Sisters! e GalsTech.
