O CESGA conmemorou o seu 30º aniversario
venres, 15 de decembro do 2023
Esta mañá tivo
lugar un evento
de conmemoración do trinta aniversario do CESGA, no que participou a
directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de
Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey, xunto ao director do
centro, Lois Orosa, o subdirector técnico, Ignacio López, o ex-presidente do
centro, Miguel Ángel Ríos, e o ex-director, Antonio Casares.
A directora de
Gain destacou a posición de vangarda que ocupa o centro no eido da computación
de altas prestacións coas actuais infraestruturas, como o Finisterrae III, a
segunda máquina de cálculo científico máis potente do Estado, e o computador
cuántico con máis bits cuánticos do sur de Europa instalado nunha institución
pública. Argerey apuntou que estas capacidades sitúan ao CESGA como un socio
tecnolóxico fundamental e locomotora do ecosistema galego de innovación e
destacou a súa contribución a proxectos en eidos como a saúde, a educación ou a
industria.
Argerey anunciou
que a aposta da Xunta de Galicia por este centro desde a súa creación no 1993,
verase reforzada cun investimento de 47 millóns de euros, cofinanciados con
fondos europeos do Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición dun
novo computador cuántico, o QMIO II, e o supercomputador Finisterrae IV, entre
outras actuacións. Con este investimento, aspírase a converter ao CESGA no
horizonte do 2030 nun referente europeo en supercomputación e computación
cuántica que contribúa a mellorar a competitividade da nosa economía en
beneficio da sociedade.
Balance de trinta anos
Desde 1993, o CESGA
foi varias veces líder a nivel estatal en capacidade de cálculo, destacando o
fito de converterse no ano 2007 en Infraestrutura Científico-Tecnolóxica
Singular como membro da Rede Española de Supercomputación. En 30 anos, o centro
multiplicou por 2 millóns a potencia do primeiro supercomputador, por 250.000 a
capacidade de memoria e por 3 millóns a de almacenamento.
O nacemento do CESGA
coincidiu coa extensión do uso de internet en Galicia a través da RedIris.
Entre os seus maiores activos atópanse os seus recursos humanos, que pasaron de
6 a 51, e a ampla comunidade de usuarios, que pasou de 89 a máis de 1.150
actualmente. Destaca a súa vocación de colaboración co resto de axentes do
ecosistema galego de innovación, cos que mantén conexións, así como co resto de
centros de supercomputación de España e Europa e as redes de comunicacións
nacionais e internacionais.
No eido da
contribución á sociedade, as súas infraestruturas contribúen a proxectos de
predición meteorolóxica e do risco de inundacións, predición mariña europea,
almacenamento e análise de datos xenómicos ou á aplicación do Big Data e da
Intelixencia Artificial á industria, entre outros. Por último, sinalouse que un
dos retos para os vindeiros anos é a atracción e retención de talento.