O CESGA contará cun Centro Demostrador de Datos para as Ciencias da Vida

mércores, 18 de xuño do 2025 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Carmen Cotelo, participou hoxe na xornada Oportunidades do Espazo de Datos DATAlife para as Ciencias da Vida e One Health, onde se presentou o demostrador multisectorial DATAlife, no que se investirán 9 millóns de euros. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento tecnolóxico e o coñecemento mediante o aproveitamento compartido de datos ao servizo da sociedade.
Organizada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través do CESGA, a xornada achegou a investigadores e empresas do ecosistema biotecnolóxico español os servizos, casos de uso, oportunidades de financiamento e vías de colaboración asociadas á nova plataforma promovida polo centro.
Durante a súa intervención, Carmen Cotelo salientou que o proxecto « exemplifica a evolución do papel do CESGA desde unha infraestrutura de cálculo e almacenamento cara un provedor de servizos e motor de colaboración doutros axentes do tecido innovador e investigador de Galicia». Tamén puxo en valor as capacidades da comunidade galega tanto no ámbito da supercomputación (coa ampliación do CESGA en marcha) como nas Ciencias da Vida, dous sectores estratéxicos incluídos como iniciativas de alto impacto no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A nova plataforma tecnolóxica que desenvolverá o CESGA incluirá un espazo de datos e compoñentes de software orientados ao despregue de casos de uso e probas de concepto baseadas na tecnoloxía de espazos de datos. Para iso conta cunha achega de arredor de 3,1 millóns de euros procedentes de fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Esta infraestrutura servirá para avanzar na investigación e innovación vinculadas ao enfoque One Health, promovendo un intercambio de datos seguro, eficiente e conforme cos principios de soberanía dixital.
Ademais, o CESGA porá en marcha un caso de uso propio denominado FarmaciaVAX, baseado en datos abertos e sintéticos, orientado á xestión da vacinación a partir de datos. O seu propósito é incrementar as taxas de cobertura vacinal e explorar novas fórmulas para a administración de vacinas nas farmacias.
Xunto a este, tamén se impulsarán outros seis casos de uso relacionados con áreas diversas do sector sanitario e sociosanitario )como a xestión hospitalaria, a investigación clínica ou a atención a persoas maiores) que poderán aproveitar o demostrador para progresar nas súas investigacións. Cada un deles contará cun financiamento adicional dun millón de euros.