O CESGA contribúe cos seus cálculos a paliar o cancro

martes, 25 de maio do 2010 Raquel Noya

Segundo datos extraídos do último informe da OMS, “o cancro é a principal causa de mortandade a nivel mundial, e o número de casos increméntase cada ano”.
Esta entidade calcula que no ano 2030 “as mortes debidas ao cancro serán de 12 millóns”, nembargantes, afirman, “os avances científicos en tratamentos oncolóxicos conseguiron reducir a montandade e ampliar a esperanza de vida das persoas enfermas”.
Para que isto sexa posible, a eficacia da radioterapia debe ser moi alta e iso depende das definicións dos volumes a radiar e das doses a administrar, cálculos moi precisos e específicos en cada doente.
Precisamente, se de algo saben as persoas responsables do CESGA (así como as de outros centros de supercomputación de todo o mundo) é de cálculo e de precisión, polo que o modelo matemático de administración de radioterapia que deseñen para cada caso pode resultar practicamente perfecto.
Para iso Radiofísicos e Matemáticos traballan xuntos en tratamentos radioterápicos máis eficaces e menos agresivos, e recentemente puxeron en común os diferentes modelos en Santiago de Compostela no Workshop Radiotherapy & Mathematics, organizado polo Nodo CESGA do Proxecto Enxeño Mathematica.
Neste evento, expertos internacionais, como a radiofísica Iuliana Dasu, da Stockholm University ou o matemático Martin Frank da RWTH Aachen University, Alemaña, presentaron diversos modelos empregados para coñecer a evolución do tumor en tratamentos radioterápicos, técnicas numéricas utilizadas para resolver estes modelos, os retos neste campo e a transferencia dos resultados.
A optimización dos plans de tratamento de radioterapia é un problema que, segundo afirman dende este Centro, “envolve diferentes obxectivos contraditorios en relación coa dose que se administra ao tumor e os órganos e tecidos sans, en risco por esta radiación”. En xeral, engaden, “os sistemas de planificación de tratamento dispoñibles non consideran explicitamente a natureza múltiple do problema, reducíndose xeralmente a unha suma ponderada dos obxectivos. Esta selección obrigada dos factores a ponderar e o seu peso na ecuación podería supoñer que o tratamento non fose o máis axeitado”.
Nos últimos anos, fixéronse grandes esforzos no desenvolvemento de modelos matemáticos que describen o tratamento radioterápico, dende o punto de vista do cálculo das doses, da optimización de tratamentos ou da modelización do comportamento dos tumores cando se tratan con radioterapia, ben mediante o uso de algoritmos de tratamento da imaxe ou mediante a optimización de novos métodos baseados en datos biolóxicos.
Neste senso, as matemáticas ofrecen solucións eficientes que outras disciplinas non poden aportar.
O Nodo CESGA xorde dentro do proxecto Consolider Ingenio Mathematica coa misión de tomar iniciativas encamiñadas á transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo promovendo o uso de métodos e técnicas matemáticas na industria, na empresa en xeral, na xestión do medio, etc., así como a investigación en temas de interese para o desenvolvemento tecnolóxico.

PUBLICIDADE