O CESGA e Appentra achegaron enerxía extra á creación de software científico

venres, 29 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa galega Appentra Solutions veñen de levar a cabo a cuarta edición do hackaton CESGAHack, unha quedada intensiva para axudar aos nosos científicos e programadores (de Galicia, España e do ámbito internacional) a acelerar os seus programas e os seus desafíos tecnolóxicos, pondo ao seu alcance recursos para reducir ao máximo os tempos de execución (o tempo que se adica, por, exemplo, a codificar). A cita celebrouse na sede do CESGA en Santiago, dende o luns 25 até este venres 29 de marzo. Foron cinco días de folgos extra para o software de simulación científica.
Para acadar estes obxectivos, os participantes tiveron acceso ao supercomputador FinisTerrae II no CESGA e a un equipo de mentores expertos na optimización, paralelaxe e execución de aplicacións de computación de alto rendemento.
O importante traballo dos mentores encargados de facilitar o devandito (profesionais de Appentra, CESGA e da universidade alemana RWTH Aachen) complementouse coa posibilidade real de empregar a ferramenta Parallelware Tools Suite de Appentra, que permitiu aos asistentes acelerar o ciclo de vida de desenvolvemento e identificar axiña oportunidades reais de paralelaxe, liberándoos dos procesos máis repetitivos de codificación, un proceso susceptíbel de desembocar en erros derivados da paralelaxe manual.
Segundo informan CESGA e Appentra, a cuarta edición saldouse cun “éxito rotundo por parte dos equipos participantes”, que acudiron dende o European Institute For Aviation Training and Accreditation (EIATA-URJC), do Instituto de Física Fundamental do Consello Superior de Investigacións Científicas (IFF-CSIC), da Universidade Autónoma de Madrid, do grupo de investigación iRLab da Universidade da Coruña, así como da empresa privada con sede na comarca de Santiago de Compostela, MestreLab Research, adicada á investigación, desenvolvemento e comercialización de sistemas espectroscópicos, espectrométricos e cromatográficos, así como de ferramentas quimioinformáticas e quimiométricas con aplicación en industrias farmacéuticas, químicas e biotecnolóxicas e en institución académicas e gobernamentais.
Os participantes coincidiron á hora de valorar positivamente as vantaxes da experiencia: “Acadar este nivel de traballo pola nosa conta tería levado semanas de traballo e aquí conseguímolo nun par de días”. Ademais, tamén enxalzaron o "ambiente cálido con respostas moi rápidas por parte dos mentores".
O CESGA e Appentra tamén lembraron que as edicións anteriores do CESGAHack foron quen de reducir o tempo de execución do seu código a case 1/50 do tempo de execución inicial en tan só 5 días. Ao longo destas catro convocatorias, os equipos viñeron dunha ampla variedade de países e áreas de coñecemento. Así, traballaron os responsábeis de proxectos tan variados como unha iniciativa para a predición de tsunamis (EDANYA da Universidade de Málaga), ou o equipo da empresa galega Xesol Innovation, que traballa na análise de patróns biométricos dos condutores na estrada para previr accidentes de tráfico.
A participación na cuarta edición do CESGAHack foi totalmente de balde, e ademais, un dos equipos gañou unha potente GPU que patrocinou a multinacional NVidia. Os equipos destacaron sobre todo o ambiente de colaboración e a dedicación dos mentores para axudarlles nas aplicacións, todas elas necesarias para resolver problemas do mundo real.

PUBLICIDADE