O CESGA e a Universidade de Pensilvania xuntan forzas para acelerar o achado de novos fármacos
martes, 13 de maio do 2025
O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), co obxecto de asinar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. O investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer unhas instalacións e uns equipamentos avanzados (os do CESGA) que servirán de base para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, o conselleiro afirmou que esta colaboración entre o CESGA e a Universidade de Pensilvania contribuirá a “mellorar as capacidades de investigación de ambas entidades”, proporcionando información na área de descubrimento de fármacos que permitirá ao CESGA adestrar modelos de Intelixencia Artificial. Amais, engadiu, “enriquecerá a capacidade de cálculo e infraestruturas de datos, así como o coñecemento nas áreas de computación de altas prestacións, IA, bioinformática, biofísica computacional e sistemas moleculares”.
No marco desta colaboración, o CESGA achegará investigadores e técnicos nestes campos, mentres que a Universidade de Pensilvania proprocionaraos para o descubrimento de antibióticos mediante tecnoloxías intelixentes.
Román Rodríguez destacou a experiencia do Centro de Supercomputación de Galicia no servizo e colaboración con grupos de investigación e empresas no eido das ciencias da vida, máis concretamente en simulación numérica para caracterización e deseño de moléculas de interese, de dianas para fármacos, descubrimento e deseño de medicamentos, análise xenómica e proteómica, creación de repositorios de datos médicos e aplicación da intelixencia artificial a temas relacionados coa medicina personalizada.
Ademais, o CESGA está desenvolvendo actualmente un demostrador de espazo de datos focalizado na área OneHealth (saúde humana, animal, seguridade alimentaria e medioambiental) cunha actividade significativa arredor das resistencias microbianas.
Rodríguez tamén salientou as capacidades de Galicia en investigación biomédica e biotecnoloxía, un sector estratéxico no que se está a desenvolver unha Estratexia de consolidación do sector e cuxo investimento en I+D+i representa o 17% de todo o gasto en I+D+i de Galicia. Destacou a maiores que outra das áreas estratéxicas de Galicia son a supercomputación e as tecnoloxías cuánticas polas que Galicia está a apostar firmemente, como queda reflectido no Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027.
