O CESGA fará avanzar a busca de novos fármacos e a eficiencia no ecosistema biotech galego
martes, 15 de abril do 2025
O ecosistema biotecnolóxico de Galicia, representado a través de Bioga, e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) veñen de afianzar o seu compromiso conxunto para que a computación de altas prestacións desenvolva todo o potencial do sector da biotecnoloxía en Galicia e incremente as súas melloras competitivas.
As dúas entidades mostraron a súa aposta por unha “firme e decidida colaboración”, iniciada xa hai máis de 15 anos. Así o veñen de reafirmar o presidente de Bioga, José Manuel López Vilariño; e o director do CESGA, Lois Orosa. “Somos un aliado clave e estratéxico para o sector biotecnolóxico e traballamos a diario para identificar necesidades que axuden a mellorar a súa competitividade”, destacou o máximo responsábel do Centro de Supercomputación.
“O CESGA é unha panca de competitividade para o sector biotecnolóxico; a nosa colaboración será clave para avanzar nunha contorna competitiva e de altísimo valor engadido”, engadiu o presidente de Bioga.
Sinalaron tamén que “ambas as entidades trababan para lograr, entre outros obxectivos, unha redución de custos no deseño de novos compostos e a redución de tempos na procura de novos fármacos”.
Colaboración fundamental
O presidente de Bioga sinalou que “é unha responsabilidade” que o Plan Galego de Innovación e Investigación 2025-2027 puxera o foco na biotecnoloxía e nas tecnoloxías cuánticas e a Intelixencia Artificial. Considérao unha “oportunidade única” e “un acerto”, porque faise fincapé nas Ciencias da Vida e na supercomputación; e porque “axudará a renovar e modernizar a economía de Galicia”.
Lois Orosa, pola súa banda, lembrou que o CESGA traballa para cumprir eses obxectivos do plan. “Identificamos necesidades e avanzamos para poñer en marcha novas ferramentas e servizos” que estean ao dispor do ecosistema biotecnolóxico. Orosa puxo o exemplo dun Demostrador de Espazo de Datos especializado en One-Health, que “facilitará a explotación de información para a investigación no ámbito biosanitario a empresas e axentes públicos”. O CESGA, engadiu, “está agora en proceso de procura de perfís cualificados para desenvolver esta iniciativa”. E lembrou que en Bioga “hai empresas e proxectos que traballan nestas áreas” e que “poderán traballar con esta nova ferramenta”.
Luís Orosa apuntou que unha das principais apostas do Centro de Supercomputación de Galicia é a bioinformática. “Temos instaladas máis de 400 aplicacións nesta área; e outras 100 vinculadas á química e materiais”, sinalou, ao tempo que estimou que “o sector das Ciencias da Vida consume ao redor do 30% da capacidade de computación do CESGA”. “O noso compromiso co ecosistema biotech é firme”, apuntou o director do Centro de Supercomputación de Galicia”.
HPC
Coincidiron tamén en afirmar que a computación de altas prestacións (HPC) é xa unha ferramenta indispensábel para o sector biotecnolóxico de Galicia. “Constitúe un motor fundamental para que as nosas empresas poidan seguir innovando e desenvolvendo novos proxectos”, sinalou o presidente de Bioga. Pola súa banda, Orosa puxo o foco en casos concretos nos que a HPC pode axudar ao ecosistema biotech: por exemplo no Cribado Virtual de Alto Rendemento (HTVS), no Modelado e Simulación Molecular Avanzados, no Deseño de Fármacos Baseado na Estrutura, na Análise de Datos a Gran Escala para Xenómica e Medicina Personalizada e na Intelixencia artificial e Aprendizaxe Automática.
Acelerar procesos
Lois Orosa, a xeito de resumo, destacou que a computación de altas prestacións pode axudar ao ecosistema biotecnolóxico de Galicia “a acelerar drasticamente o proceso de descubrimento de fármacos; a reducir os custos do proceso investigador; a explorar novos espazos; a obter información precisa sobre interaccións moleculares; a predicir novas propiedades dos compostos en etapas temperás ou a facilitar o deseño racional de compostos e fármacos con maior eficacia e seguridade”. Son só uns cantos exemplos.
O presidente de Bioga, pola súa banda, reiterou que existe “un enorme potencial”. Ao seu xuízo, “a colaboración entre o sector biotecnolóxico e a supercomputación é estratéxica nunha sociedade que aposte polo coñecemento; e nos vindeiros anos seguirá a medrar”. José Manuel López Vilariño lembrou que “as novas ferramentas e as grandes bases de datos xa están a disposición e ao alcance de investigadores e de sectores para os que hai poucos anos era imposíbel acceder”. “Identificamos gran potencial nos ámbitos de traballo que requiran coñecer o comportamento de moléculas individuais en contornas biolóxicas; polo que o futuro da alimentación e a cosmética funcional tamén pasa por aí”, apuntou o presidente do Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida, un sector que factura ao ano máis de 1.600 millóns de euros e xera case 5.000 empregos directos.