O CESGA prepara o lanzamento nas tendas en liña da app do proxecto PhenoloGIT

xoves, 16 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

O ano 2016 foi o ano da consolidación do proxecto PhenoloGIT, unha iniciativa internacional para afianzar nas escolas o estudo da natureza e dos seus fenómenos e características. Na recta inicial de 2016, PhenoloGIT colleu impulso (da man dun consorcio europeo do que forman parte o CESGA e catro centros educativos galegos, entre outras entidades doutros países), en xuño foi obxecto de traballo colaborativo in situ na sede do CESGA e logo, en outubro, comezou a fornecer unha aplicación e un xeoportal. A día de hoxe, PhenoloGIT segue adiante facendo abrollar novas vocacións científicas nos centros educativos, a través de actividades presenciais e, tamén, mediante as súas ferramentas TIC de comunicación: o devandito xeoportal e a mencionada aplicación, dúas canles para facilitar o emprego sinxelo de tecnoloxías de información xeográfica nos centros educativos, amais de impulsar a análise sobre os cambios da natureza.
Como recordaremos, os integrantes e impulsores de PhenoloGIT son unha equipa de expertos europeos en tecnoloxías da educación, así como unha manchea de escolas de primaria e secundaria de catro países da contorna: España, Reino Unido, Lituania e Dinamarca. Ao abeiro do proxecto, os participantes analizan as potencialidades para as aulas do uso de ferramentas de visualización e análise de sistemas de información xeográfica (GIT). No marco desta iniciativa, o CESGA desenvolveu dúas ferramentas multilingües que inclúen o galego e o castelán entre as súas opcións idiomáticas. Trátase, primeiro, dunha aplicación para o seu uso en teléfonos móbiles ou tabletas (dispoñíbel para Android e iOS) grazas á cal alumnos e profesores poden recoller información (fotos, vídeos, datos textuais, e outros indicadores climáticos a través de sensores ou xeolocalización) da súa contorna natural. A app, cuxo lanzamento nas tendas oficiais de Android e iOS (para facilitar o seu uso por parte do alumnado e o profesorado dos centros piloto) é inminente, compleméntase cun xeoportal web para amosar na aula os devanditos datos recollidos. Este espazo en liña é quen de filtrar a información por criterios diferentes e realizar diferentes análises (por países, por fenómeno, por tempo para esculcar, etc.) que pode verse (aínda cos datos de probas) aquí: maps.phenologit.org/.
Ao longo da recta final de 2016 e deste 2017 os profesores participantes no programa están xa a traballar coas ferramentas devanditas, experimentando con elas e tirándolles o máximo proveito, sobre todo de cara a optimizalas e procurar, en virtude do seu emprego, novas propostas educativas para traballar coa rapazada. A idea é que, avanzado o curso 2016-2017, aproximadamente en primavera, entren en xogo o estudantes probando a fondo os mencionados recursos tecnolóxicos. Grazas a eles poderán facer cousas como recoller e avaliar información sobre as especies animais e vexetais da súa contorna e comparala coa dos seus compañeiros europeos (en virtude da capa social que fornecen as ditas ferramentas). En Galicia son catro escolas as que participan nesta primeira fase: o CPI plurilingüe O Cruce, en Cerceda (que tamén é socio do proxecto europeo e coordinador das actividades educativas), o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o CEP Plurilingüe de Ventin (Ames) e o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel. Para o vindeiro curso, o CESGA quere ampliar o número de centros, unha vez validadas as ferramentas na primeira fase piloto do proxecto.
Entre as iniciativas previstas para este 2017 inclúese a posta en marcha, da man do Centro de Supercomputación de Galicia, dun sitio dixital de ensino aberto para intercambiar propostas educativas e as ferramentas GIT creadas para todas as escolas interesadas.

PUBLICIDADE