O CESGA súmase á Rede Española de Supercomputación

mércores, 29 de abril do 2015 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) anunciou hoxe a súa incorporación á Rede Española de Supercomputación (RES). Así o deron a coñecer o presidente e o director do centro galego, Manuel Varela e Javier García Tobío, quen participaron na primeira xuntanza do Consello da Rede Española de Supercomputación (RES). A esta rede, informouse, incorporáronse cinco novos nodos, entre eles o supercomputador Finis Terrae II do CESGA, por certo un dos piares na constitución desta nova RES actualizada.
No encontro deste mércores aprobouse tamén a posta en marcha dun acordo “multilateral” para optimizar a operatividade da RES, en palabras dos seus responsábeis “un acordo fundamental para a coordinación da supercomputación en España, elemento clave no desenvolvemento científico e tecnolóxico”.
Lembrar que a Rede Española de Supercomputación é unha infraestrutura distribuída que naceu en 2007 para dar soporte ás necesidades de cálculo avanzado dos diferentes grupos de investigación, e o seu obxectivo fundamental é dar servizo á comunidade científica.
Como membro desta nova RES ampliada, o CESGA manterá o seu recoñecemento como Instalación Científico Tecnolóxica Singular de España (ICTS), “unha vantaxe clave que lle proporcionará acceso a axudas específicas do Ministerio de Economía e Competitividade”, sinalan fontes do centro galego, que tamén lembran que xunto coa incorporación do Finis Terrae II, no Consello da RES aprobouse tamén a incorporación como nodos da mesma do Pirineus, do Consorcio de Servizos Universitarios de Cataluña (CSUC); Lusitania, da Fundación Computación e Tecnoloxías Avanzadas de Estremadura; Caléndula, do Centro de Supercomputación de Castela e León, e Cibeles, da Universidade Autónoma de Madrid.

PUBLICIDADE