O CESGA xunta en setembro aos expertos en computación avanzada da rede RES

martes, 18 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Santiago de Compostela vai dar acubillo este ano á nova Xornada de Usuarios da Rede Española de Supercomputación (RES), na súa edición número 11. Trátase dun encontro referencial no ámbito da investigación en novas metodoloxías de cálculo e computación de alto rendemento, de gran interese non só para os integrantes da RES e os seus usuarios (actuais e potenciais), senón tamén para a puxante comunidade de estudantes e investigadores en computación avanzada e, igualmente, para as empresas (cada vez máis) que precisan para os seus procedementos de potentes recursos de cálculo, predición e simulación. A xornada da RES celébrase o 28 de setembro e compleméntase, ao día seguinte e tamén en Compostela, coa sexta Conferencia do HPC Advisory Council. As dúas citas veñen da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Polo que respecta ao encontro da RES, é unha xuntanza anual de usuarios para informar das novidades da RES e achegar información de interese sobre os métodos de acceso aos recursos da RES e de PRACE (Partnership for Advanced Computing in Europe). Esta xornada, en palabras da organización, é “un espazo de encontro para todos os usuarios, os técnicos de apoio, o comité de acceso e o comité de usuarios”. Ademais, acubillará sesións científicas paralelas e unha sesión de pósteres para dar difusión dos resultados máis relevantes dos proxectos de investigación de usuarios. O organizador local da xornada é, como dixemos, a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA)
Polo que atinxe á sexta Reunión do HPC Advisory Council, ten como finalidade promover a interacción entre as empresas e organizacións que traballan en tecnoloxías HPC (computación de alto rendemento polas súas siglas en inglés) cos usuarios finais, e abrangue un amplo rango de intereses e temáticas como Deep Learning, Machine Learning (aprendizaxe das máquinas) e Big Data (información a gran escala).
O día 28 de setembro pola tarde, despois da Xornada de Usuarios, desenvolverase unha actividade cultural que consistirá nunha visita guiada polo centro histórico de Santiago de Compostela, “para favorecer o networking entre todos os asistentes”.

PUBLICIDADE